O Premio Ada Byron irá parar a mans da enxeñeira informática Susana Ladra

martes, 25 de xuño do 2013 Redacción

A segunda edición do Premio Ada Byron -recoñecemento inscrito nos premios anuais que outorga o CPEIG na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia- xa ten gañadora e a xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de anunciar o seu nome. Estamos a falar da enxeñeira informática Susana Ladra (Santiago de Compostela, 1984), quen recibirá o seu galardón durante a quinta edición da Noite da Enxeñaría celebrada no mes de outubro.
Achegándonos un pouco á figura da premiada, dicir que é enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña, sendo arestora profesora contratada doutora na Facultade de Informática da mesma Universidade, onde tamén exerce de vicedecana de Organización Académica aos seus 29 anos. De estudante, foi galardoada co Primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira de Enxeñaría Informática do Ministerio de Educación, co Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade da Coruña e co Premio á mellor tese doutoral no campo da Recuperación da Información, outorgado pola Sociedade Española de Recuperación da Información.
Susana Ladra foi nomeada Premio Ada Byron pola súa intensa actividade investigadora en distintas áreas, como recuperación de información, compresión, análise de algoritmos e estruturas de datos. Asemade, é autora de diversas publicacións en revistas e congresos internacionais de relevancia. Participou en proxectos de investigación competitivos e realizou estancias no CSIC, na Universidade de Chile, na Universidade de Helsinki e na Universidade de Waterloo (Canadá).
Por último, subliñar o apoio do CPEIG -mediante o Premio Ada Byron- á participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, investigadoras, como xeradoras de innovación e como líderes. É por iso que o premio en cuestión leva o nome de Ada Byron, matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage, sendo considerada a primeira programadora.

PUBLICIDADE