O Prime Day celebrarase os días 21 e 22 de xuño

mércores, 2 de xuño do 2021 Marcus Fernández

A pandemia levou a que o ano pasado Amazon tivese que adiar o seu Prime Day ao mes de outubro, e este ano sorprenden ao non recuperar a súa data habitual (o mes de xullo) e celebrar as súas xornadas de grandes rebaixas os días 21 e 22 de xuño.
Estas xornadas de rebaixas que en ocasións anteriores teñen mellorado en resultados ao Black Friday, combinan tanto ofertas durante 48 horas como outras por tempo moi limitado, levando aos usuarios a visitar a tenda en liña de Amazon numerosas veces, o que fai máis doado que aproveiten algunha das máis de 2 millóns de ofertas previstas.
Lembremos que o Prime Day é unha campaña promocional cun obxectivo dobre, xa que tanto persegue dinamizar as vendas (moi especialmente de produtos de marcas de Amazon) como atraer subscritores a Prime, servizo de pagamento que ofrece gastos de envío se custo adicional e acceso a contidos de vídeo, música, lectura e videoxogos, conseguindo así sumar valor para fidelizar aos usuarios e así fomentar que dean prioridade a Amazon á hora de realizar as súas compras en liña.
Algunhas das promocións que estarán dispoñibles durante o Prime Day serán a posibilidade de probar de balde por primeira vez os servizos de Amazon Music e Kindle Unlimited durante 4 e 3 meses respectivamente, gozar de até un 50% en dispositivos Amazon e aforrar un 20% en prendas seleccionadas de Amazon Fashion e produtos Amazon Basics e incluso poder contar con até un 30% de aforro en centos de produtos de supermercado en Amazon Fresh.
Como medida de apoio ás pemes, Amazon tamén ofrecerá 10 euros de saldo promocional para gastar no Prime Day a quen gaste 10 euros en artigos vendidos por pequenas e medianas empresas de España.

PUBLICIDADE