O Príncipe de Asturias salienta en FICOD a capacidade dos contidos dixitais para xerar riqueza

martes, 25 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

FICOD, o salón de contidos dixitais que organiza o Ministerio de Industria, vén de abrir as súas portas perante a presenza de máis de 4.000 congresistas de todo mundo procedentes da actividade innovadora-audiovisual nas súas máis variadas manifestacións. O encontro, que foi inaugurado este martes 25 de novembro polos Príncipes de Asturias, ficará activo até este xoves 27, no Palacio Municipal de Congresos Juan Carlos I de Madrid. O foro, saudado por don Felipe como unha palestra á intelixencia, vai dirixido especialmente a establecer ligazóns dentro do mercado iberoamericano e a fomentar a innovación no mesmo, como fronte de actividade contraposta á máis dominante, a de lingua inglesa. A intervención de don Felipe, que subliñou a importancia estratéxica dos contidos dixitais como fonte de riqueza e canle de cultura, deu paso á apertura do salón FICOD e máis doutro encontro inserido no marco do mesmo: a segunda edición da Conferencia Internacional sobre a Propiedade Intelectual, encamiñada a avaliar polo miúdo “os enfoques e as responsabilidades dos distintos actores do mercado para procurar solucións normativas ou legais e fomentar o diálogo”.
Por certo que no acto de inauguración oficial da feira tamén participou o secretario de Estado de Telecomunicacións (Francisco Ros), quen fixo un breve repaso polo acadado en anteriores edicións do encontro e polo potencial estratéxico que achega a un sector de por si (igualmente) estratéxico para España. De feito, informou, estamos a falar dun mercado quen en 2007 xerou máis de 4.500 millóns de euros. Neste senso, subliñou a importancia das axudas públicas ao sector -sobre todo no que se refire a reforzar a súa capacidade competitiva nun rifado eido internacional-, para o que se destinará en 2009 un investimento de 288 millóns de euros. O obxectivo primordial? Fortalecer, dende o Plan Avanza, a capacidade de medre do tecido produtor de contidos dixitais.

PUBLICIDADE