O Proxecto Regina chega á súa conferencia final e abre as portas para a celebración dun seminario sobre biotecnoloxía en Santiago

martes, 10 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Este martes 10 de outubro celébrase a Conferencia Final do Proxecto Regina, unha iniciativa europea para converter nacións atlánticas en espazos de excelencia no eido da Sociedade da Información (máis competitivas e circulando na liña dun desenvolvemento máis sostible). Nesta derradeira e decisiva cita do proxecto, que se celebra en Bizkaia, participarán representantes da Dirección Xeral de I+D e, en última instancia, de Galiza, que por así dicilo un dos escenarios participantes que precisan de máis intervención.
O obxectivo do encontro de hoxe é crear un foro de discusión sobre o desenvolvemento rexional. Regina púxose en marcha en 2004, identificando até o día de hoxe os puntos en comúns entre as diversas rexións no eido científico e tecnolóxico. Galiza forneceu sobre todo o seu coñecemento na biotecnoloxía para a acuicultura, e o primeiro froito desta achega é o Seminario Internacional de Biotecnoloxía e Xenómica en Acuicultura que se celebrará o 23 de outubro en Santiago.
A xuntanza, segundo informa a Dirección Xeral de I+D, levará consigo unha serie de relatorios e mesas redondas con especialistas en biotecnoloxía e xenómica de toda a franxa do Espazo Atlántico.
A Consellería de Innovación financia integramente este seminario, estando a organización en mans da Universidade de Santiago a través dos integrantes da Rede Galega de Biotecnoloxía en Acuicultura (REGABA).

PUBLICIDADE