O Rosal avanza en eAdministración co servizo de certificados de empadroamento

xoves, 23 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello do Rosal (Pontevedra) puxo en marcha con este verán un novo recurso práctico de eAdministración co que ir completando o paquete de ferramentas acubillado na súa Sede Electrónica. Trátase dun servizo para que os cidadáns poidan solicitar o seu certificado de empadroamento a través da devandita plataforma dixital local. Os requirimentos que se piden aos solicitantes é que dispoñan do DNI electrónico, de certificado dixital ou dun sistema de clave concertada Cl@ve para verificar a súa identidade e acceder á Sede Electrónica do Concello do Rosal.
Amais da devandita funcionalidade, a plataforma tecnolóxica tamén pon a disposición da veciñanza os seguintes servizos: Portal de Transparencia, Validación de Documentos, Perfil de Contratante, Factura Electrónica e acceso a Órganos Colexiados. Tamén permite á cidadanía, entre outras cousas, facer instancias xerais e enviar queixas e suxestións. Igualmente, fornece aos usuarios de ferramentas personalizadas sobre a súa actividade coa Administración local: datos persoais, rexistros presentados, portafirmas ou caixa de correo.

PUBLICIDADE