O SERGAS ofrece información sobre o coronavirus vía web

venres, 13 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Dende a Consellaría de Sanidade están a facer un chamamento á cidadanía para que utilice de xeito responsable o teléfono de balde 900 400 116 como número exclusivo de atención a todas as consultas relacionados co coronavirus, o que inclúe tanto as solicitudes de información como as consultas das persoas que teñan síntomas leves e que estiveran nunha zona de risco ou tiveran contacto estreito cunha persoa que dera positivo en coronavirus. Para información xeral queremos lembrar que o SERGAS creou un apartado na súa páxina web no que recollen toda a información e as novas máis relevantes sobre o COVID-19, polo que aproveitar este recurso é o xeito máis responsable de informarse sen saturar as liñas de atención telefónica.
A Consellaría de Sanidade está a reforzar o número de liñas telefónicas destinadas ao 900 400 116 aumentando dende as 40 liñas coas que conta actualmente até as 100, así como tamén incrementaron o persoal de operación telefónica e o número de médicos da Central de Coordinación, favorecendo así unha mellor atención remota, xa que non podemos esquecer que ante as sospeitas dunha infección por coronavirus non debemos acudir a un centro de saúde ou hospital, xa que poderiamos propagar a enfermidade entre poboación de risco.
O número de teléfono 900 400 116 activouse para evitar que o 061 non poida cumprir a súa función primordial, que é a de atender ás urxencias e ás emerxencias sanitarias en Galicia.

PUBLICIDADE