O Senado aproba unha moción para acadar unha banda larga máis económica

xoves, 16 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

O Senado aprobou esta semana unha iniciativa do Partido Popular para achegarlle á cidadanía servizos de banda larga máis accesibles dende o punto de vista económico e a través de servizos de mellor calidade. A moción do dito partido contou co apoio de tódolos grupos da Cámara Alta, e nela pídeselle ao Goberno, entre outras cousas, que garanta o acceso á rede de alta velocidade como servizo universal. Máis polo miúdo, ínstase ao Executivo central a garantirlle á sociedade “unha conexión á rede pública de comunicacións con capacidade de acceso funcional á Rede, permitindo comunicacións de datos de banda larga a velocidades en sentido descendente de 1 mega por segundo”.
Na moción tamén se esixe unha meirande colaboración coas empresas do sector das telecomunicacións, xa que é a través delas como se poden acadar os ditos obxectivos, sobre todo contribuíndo a facerlles rendible (a achega de banda larga a bo prezo alí onde non tiñan previsto facelo por suposta falta de mercado) a achega de infraestruturas e de novos servizos. Así, pídese na iniciativa que se manteñan as axudas públicas para poder espallar as redes ás áreas xeográficas nas que a xuízo das operadoras non hai opción de obter rendemento. Con estas e outras medidas preténdese tamén evitar que se manteña unha situación que se cualificou de desigual e inxusta, a de seguir dando acubillo dentro do eido da Unión Europea a servizos de acceso á banda larga especialmente caros. En termos específicos, o custo medio de conexión dende o fogar ou o traballo está no eido estatal arredor dos 43 euros ao mes, emprazándose a media europea nos 33,8 euros.

Gráfica da penetración da banda larga en Europa en 2009, con España no centro cara á esquerda

PUBLICIDADE