O Senado aproba unha moción para garantir a neutralidade de rede

mércores, 1 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Finalmente o Senado aprobou unha moción a favor da neutralidade de rede co apoio de todos os grupos, tras votar en contra dunha iniciativa semellante hai un par de semanas, o que provocou unha mobilización na web por parte de cidadáns e empresas, que aínda segue vixente pois, polo momento, o compromiso da Cámara queda na realización dun novo debate sobre o tema, para establecer mecanismos que garantan o principio de neutralidade de rede, que polo momento parece estar bastante lonxe de tomar forma de lei.
A moción presentada onte e aprobada hoxe recolle que «o Senado insta ao Goberno a modificar de xeito urxente, en todo aquilo que sexa preciso e tendo en conta o marco da normativa europea sobre comunicacións electrónicas, a normativa española en dita materia, a fin de garantir o cumprimento por parte de provedores de telecomunicacións que operan en España dos principios de neutralidade, asegurar que os paquetes de datos que circulan polas súas redes reciban sempre o mesmo tratamento, sen prioridade nin xerarquía, independentemente do seu contido, orixe, destino ou protocolo, e sen que se filtre o tráfico de xeito algún, para privilexiar, limitar ou impedir o acceso a determinadas páxinas ou servizos».

PUBLICIDADE