O Skype estrearase para o iPhone este martes

luns, 30 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Esta semana Skype presentará unha versión da súa aplicación de voz sobre IP para o iPhone, agardando que para maio tamén teñan lista unha aplicación adaptada para terminais Blackberry, o que supón un importante salto para esta plataforma de comunicación, que ofrece comunicacións de voz de balde entre usuarios ou a baixo custo cara a usuarios de telefonía ordinaria, o que podería ser unha importante ameaza para operadoras tradicionais.
Scott Durchslag, xefe de operacións de Skype, asegurou que «a petición número un que nos chegou dos usuarios é facer que Skype estivese dispoñible no iPhone», argumentando que hai unha demanda acumulada, aínda que haberá que agardar a ver a resposta das operadoras a esta medida, pois xa se comentou que estaban a por atrancos á incorporación de Skype a móbiles de Nokia. O salto de Skype do ordenador a terminais móbiles poderían supor un descenso do uso dos servizos de voz tradicionais, e máis adiante tamén poderían ampliar o servizo con vídeo, ameazando non só á voz, senón tamén ás videochamadas.
Unha das grandes vantaxes da nova aplicación de Skype para o iPhone é que permite empregar a propia axenda do terminal para chamar aos nosos contactos, de xeito que non hai que duplicar información.
Agárdase que este martes sexa o día no que Skype apareza para a súa descarga de balde na App Store de Apple (aínda que haxa fontes que daten o lanzamento no xoves), polo que estariamos ante unha aplicación totalmente oficial.

PUBLICIDADE