O Telecentro de Xornalismo en Santiago acolleu un curso sobre busca de información nas bibliotecas

xoves, 4 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O Telecentro de Comunicación da Facultade de Xornalismo acolleu os días pasados un curso de alfabetización informacional nas bibliotecas universitarias dirixido a fornecer entre o alumnado un nivel óptimo de eficacia e precisión no labor cada vez máis enleado da procura de datos. A actividade, que se desenvolveu esta semana, rematou este xoves con “gran éxito de participación”, informan os responsables do curso e do Telecentro, que viron como a cifra de solicitantes superou, con moito, as 20 prazas ofertadas.
As accións formativas foron dirixidas especialmente a persoal bibliotecario da Universidade de Santiago. No evento participou activamente a subdirectora de Servizos da Universidade da Laguna, Carmen Julia Hernández, quen lles achegou aos alumnos recursos de utilidade para rendibilizar ao máximo o seu traballo de xestión e procura de coñecemento.
Nisto precisamente consiste a alfabetización informacional, un método de traballo que se apoia en adquirir a capacidade de saber cando e por que se necesita información, onde atopala e como avaliala, usala e comunicala. A gran diferenza deste modelo de traballo perante outros precedentes nas bibliotecas baséase na extensión dos obxectivos da alfabetización informacional cara a competencias novas como a avaliación dos recursos, a comprensión, o emprego e a comunicación dos datos.
Esta actividade formativa insírese no programa de iniciativas do Centro Multimedia de Galicia para contribuír á formación de futuros profesionais “e potenciar o sector audiovisual e multimedia galegos”.

PUBLICIDADE