O Tour de Francia estrea xogo descargable para Xbox 360

mércores, 15 de xullo do 2009 Marcus Fernández

No medio da celebración do Tour, chega ao Bazar do Xbox LIVE por 800 puntos (9,6 euros) o videoxogo Tour de France 2009, un xogo oficial desenvolvido por Cyanide Studios que permite elixir entre os 18 equipos ciclistas que competirán durante 21 etapas da actual edición da volta ciclista a Francia. O xogo conta cun modo de ata 4 xogadores que poden enfrontarse en liña. Os usuarios que non teñan unha Xbox 360 tamén poden gozar do Tour nunha versión do Pro Cycling Manager para PC ambientada na competición gala.
Pero o Tour non foi a única chegada de hoxe ao Bazar en liña da Xbox 360, senón que tamén chegou a agardada edición especial de Monkey Island, un remake do clásico xogo de LucasArts que conserva a xogabilidade orixinal pero actualiza os seus gráficos para a alta definición (a 1.080p), conservando incluso as voces do elenco orixinal da saga Monkey Island, con música remasterizada con instrumentación en directo e unha perfecta transición de escenas para cambiar entre a edición especial e a clásica (cos gráficos orixinais pixelados) en calquera momento. O seu prezo tamén é de 800 puntos, coma o que custa a 3ª novidade do día, Madballs Babo: Invasion, xogo de acción orientado á competición multiusuario. Os 3 xogos do día contan coa súa respectiva versión de demostración de balde.

PUBLICIDADE