O Vivo V30 Lite 5G integra luz de recheo para mellorar os retratos

venres, 29 de decembro do 2023 Marcus Fernández

O Vivo V30 Lite 5G está a iniciar a súa comercialización internacional apostando por un deseño elegante, delgado (7,69 milímetros de grosor) e lixeiro (190 gramos de peso), materiais de calidade e unha aposta polas cámaras que resulta bastante rechamante, xa que na súa parte traseira incorpora unha luz de aura intelixente que permite iluminar lixeiramente para facer bos retratos, mentres que a súa cámara frontal promete grandes imaxes cos seus 50 Mpíxeles.
Este novo smartphone chegará ao mercado cun procesador de 8 núcleos, 12 GB de RAM LPDDR4X, 256 GB de almacenamento UFS 2.2, pantalla AMOLED Full HD+ de 6,67 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, batería de 4.800 mAh con carga rápida de 44 watts e resistencia IP54. Temos así un produto bastante completo, que probablemente chegue a España nas vindeiras semanas a un prezo relativamente axustado (aínda que non tan económico como o Vivo V29 Lite 5G, que actualmente pode atoparse a 299 euros, que segue a ser unha boa opción aínda que careza das novidades fotográficas do novo modelo).

PUBLICIDADE