O Wi-Fi público galego, entre os máis activos do estado

venres, 25 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Equipamento Wi-Fi en Corcubión fotografado por X. Búa para La Voz

Máis por obriga que por ningunha outra razón, a nosa terra segue a dar pasos a ter en conta na súa aposta polo acceso a Rede sen fíos. E o “de obriga” ten unha explicación: a Rede sen fíos tense constatado como unha boa alternativa para todos aqueles lugares, urbanos ou rurais, onde a oferta privada é limitada ou inexistente ou onde as condicións xeográficas (poboación dispersa, paisaxe accidentada) non deixan marxe para o uso de tecnoloxías fixas, cousa moi común por acó. Asemade, hai un terceiro factor: alí onde a situación económica dos cidadáns non é a máis axeitada para estar en liña, cómpre que se poñan en xogo opcións económicas. E xa son unhas cantas as administracións locais galegas que apostaron polo acceso público á Internet, e sen fíos.
Pois ben, semella que o Wi-Fi na nosa terra ten boa saúde, e disto se encargan ben de relembralo cadernos en liña especializados como Lavidawifi, que unha vez máis vén de situarnos como “a comunidade wireless máis activa”.
Casos de compromiso a prol da Rede sen fíos dende o sector público hai uns cantos, pero entre os máis recentes cóntase o de Petín de Valdeorras, que para o devandito blog é unha das capitais referentes neste tipo de tecnoloxía banda larga. A razón: o concello ourensán, de apenas 1.000 veciñas e veciños, dispón xa de Wi-Fi de balde en todo o seu casco urbano, pedíndose como único requirimento estar empadroado. No caso contrario, abondaríanos con facernos socios da biblioteca nacional.
Segundo se conta no dito caderno, mesmo este verán e coa chegada do fluxo de turistas (e as inevitables sobrecargas da Rede) o equipamento deu unhas magníficas prestacións. Outro caso recente que se menciona é o de Corcubión, que se presentou de xeito oficial a Rede de acceso Wi-Fi desenvolvida ao longo dos pasados meses. A idea do Concello, tal e como nos contou La Voz hai unhas semanas, é subministrar conexión de balde durante un tempo para logo poñelo ao alcance da veciñanza a un prezo máis ben reducido que contribúa a afrontar os custes de mantemento.

PUBLICIDADE