O Xemelgo Dixital de Smartiago dá forma a un living lab de solucións innovadoras

luns, 21 de novembro do 2022 S. P.

A empresa adxudicataria da proposta de Smartiago (o proxecto de Cidade Intelixente de Santiago) para unha mobilidade sustentábel, Itera Técnica, rematou a semana pasada as súas actividades en aberto. Así o confirmou o Concello, que indica que as ditas actividades serviron entre outras cousas para outorgar o perfil definitivo ao Living Lab SmartWay, espazo de interacción aberta para o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que comezará a súa plena actividade en datas vindeiras.
Ás sesións asistiron representantes de institucións e empresas privadas relacionadas coa tecnoloxía ou a innovación, así como persoas cun interese máis persoal no proxecto do Xemelgo Dixital da iniciativa Smartiago. Durante a súa duración, o público aprendeu a usar e acceder á plataforma SmartWay e a participar no Living Lab a través de diferentes roles: usuario, colaborador ou como asistente ás actividades. A un nivel máis científico explicáronse os pasos para o modelado do movemento da cidadanía coa ferramenta Pathfinder, ademais da simulación da mobilidade na cidade de Santiago. As persoas ou entidades interesadas en coñecer máis en detalle o Xemelgo Dixital deberán rexistrarse na web para obter datos sobre as simulacións de mobilidade.
Nun plano máis concreto, as sesións serviron para que os relatores explicaran que o obxectivo do proxecto Xemelgo Dixital compostelán é senta os alicerces “para unha xestión intelixente da mobilidade na capital galega”. Para isto, realizouse a construción dun modelo plenamente funcional de Santiago que “representa con razoábel precisión a realidade, permitindo así simular como se moven as persoas dentro do espazo físico da cidade”, aclararon os relatores.
Para realizar o modelado empregouse o software Pathfinder, de Thunderhead Engineering, e a linguaxe de programación R para a xeración de scripts. Dende Itera salientaron que “Pathfinder proporciona unha interface gráfica para o deseño e execución de simulacións, así como ferramentas de visualización 2D e 3D para a análise de resultados”. Tamén fixeron saber que “o modelo final da zona permite visualizar a simulación nun día concreto a partir de datos reais obtidos a través de sensores colocados en diferentes puntos, segundo o día da semana, ou mediante datos elixidos polo usuario”. Esta ferramenta tamén proporciona información sobre o número de persoas por rúa e permite definir rexións nas que medir a ocupación ou pechar rúas virtualmente e analizar os cambios nos fluxos de desprazamento dos cidadáns modificando parámetros como o número de viandantes, a súa velocidade ou o tipo de comportamento, engadiron dende a empresa tecnolóxica.
Na xornada de capacitación en financiamento abordáronse as diferentes formas de poñer en marcha o proxecto Xemelgo Dixital ao respecto das axudas, subvencións ou programas. Ademais, tratáronse diversas oportunidades para obter financiamento a nivel autonómico, destacando as axudas promovidas pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), nacional e europea. Neste último caso destacou Horizonte Europa, o novo programa de investimento en investigación e innovación da Unión Europea para o período 2021-2027 (o seu predecesor é o H2020).
Proxecto Xemelgo
Dentro da liña de actuación de mobilidade de Smartiago atópase a iniciativa do Xemelgo Dixital, impulsado pola empresa Itera Técnica, que versa na creación dun modelo plenamente funcional e o máis preciso posíbel á realidade que permitirá simular como se moven as persoas no centro e no centro histórico de Santiago de Compostela. Para levar a cabo este proxecto substituíronse 22 bancos de mobiliario urbano en puntos estratéxicos da cidade que, xunto á aplicación móbil SmartWay Smartiago, permite coñecer os comportamentos dos peóns.
Este prototipo de simulación virtual dos fluxos de mobilidade “permitirá ao Concello de Santiago deseñar novas políticas de actuación ou prever futuros impactos na contorna urbana como, por exemplo, posíbeis aglomeracións en determinados eventos”, sinalou o Concello.

PUBLICIDADE