O Xogos Olímpicos xeraron máis de 150 millóns de mensaxes a través de Twitter

luns, 13 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Agora que os Xogos Olímpicos de Londres chegan á súa fin, é momento de facer reconto, e dende Twitter quixeron destacar a grande relevancia que tivo a súa plataforma como canle para comunicar durante o evento deportivo por parte de participantes, espectadores e medios de comunicación, superando os 150 millóns de mensaxes en Twitter durante os últimos 16 días.
Esta plataforma social serviu como indicador do máis destacado dos Xogos, o que poderiamos medir en tuiteos por minuto, que no caso do xamaicano Usain Bolt durante a carreira dos 200 metros lisos foi de máis de 80.000, mentres que cando gañou o ouro nos 100 metros quedou en 74.000 mensaxes por minuto. O británico Andy Murray tamén contou cun máis que respetables 57.000 tuiteos por minuto ao conseguir o ouro en tenis; Jamaica volvería a destacar na final de relevos con 52.000 mensaxes por minuto; mentres que a final de baloncesto entre España e EE.UU. quedou en 41.000 tuiteos por minuto.
No tocante aos momentos máis relevantes en Twitter fóra da consecución dunha medalla de ouro teriamos ao mate de Kobe Bryant no partido de EE.UU.-España e á parada da porteira Hope Solo durante o partido de fútbol feminino que enfrontou a EE.UU. e Xapón.
Os deportistas máis mencionados serían Usain Bolt, Michael Phelps, Tom Daley, Ryan Lochte, Gabby Douglas, Andy Murray, Kobe Bryant, Yohan Blake, Lee Chong Wei e LeBron James, por esta orde, entre as que chegou a destacar a felicitación de Barack H. Obama polo fito acadado por Michael Phelps ao converterse na persoa con máis medallas olímpicas de todos os tempos. Vendo os nomes dos deportistas máis populares, posiblemente sorprenda que o deporte que máis conversa xerou foi o fútbol, cuns 5 millóns de tuiteos, seguido polos deportes acuáticos, o atletismo, a ximnasia e o volleyball.
As cerimonias de apertura e peche dos Xogos Tamén foron momentos de grande conversa en Twitter, sendo o momento máis destacado o da actuación das Spice Girls, con máis de 116.000 mensaxes por minuto.

PUBLICIDADE