O ZX Spectrum volverá en forma de consola de videoxogos

martes, 2 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Na década dos 80 o ordenador persoal doméstico máis popular foi sen dúbida o ZX Spectrum creado por Sir Clive Sinclair, e para os nostálxicos están a emprender unha campaña de micromecenado que faga posible recuperar este equipo como unha consola de videoxogos doméstica capaz de correr os máis de 14 mil xogos que chegaron a comercializarse para esta plataforma que vendeu máis de 5 millóns de unidades no seu día.

A consola poderá correr practicamente calquera xogo de Spectrum

O Sinclair Spectrum Vega, comercializado por Retro Computer Ltd., unha empresa con sede en Luton e participada por Sinclair Research Ltd., conta coa licenza de Sky In-Home Service Ltd. (empresa que mercou os dereitos do Spectrum a Amstrad) para poder producir este curioso dispositivo que poderá conectarse ao televisor ou a un monitor de ordenador para poder gozar dun milleiro de xogos que incluirá de fábrica e aos que se engadirán moitos outros a xeito de descarga totalmente de balde (sendo tamén posible cargar outros xogos mediante tarxetas SD).
A campaña de micromecenado en Indiegogo busca financiar a primeira edición de 1.000 consolas Vega, así como preparar á compañía que a desenvolve para comercializar unha segunda remesa. O prezo para poder facerse cunha destas consolas retro é de 100 libras esterlinas (151,50 euros incluíndo os portes) e os seus mecenas comezarán a recibir os equipos o vindeiro mes de abril.


Vídeo promocional do proxecto de micromecenado que busca recuperar o Spectrum
ACTUALIZACIÓN (3-12-2014): O produto conseguiu completar o seu financiamento en menos de 2 días.

PUBLICIDADE