O afianzamento de Internet entre os nosos autónomos sitúase dez puntos por debaixo do das microempresas

martes, 22 de xaneiro do 2013 Redacción

Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA

Os novos informes do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), pertencente a AMTEGA, sitúan o afianzamento das novas tecnoloxías da información entre os nosos autónomos a un nivel básico. Máis polo miúdo, emprázase a contratación de Rede entre o devandito colectivo dez puntos por debaixo dos datos que amosan as microempresas. Así figura no informe A Sociedade da Información e os autónomos. Edición 2012, feito polo devandito observatorio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa colaboración de FEAGA, a Federación de Autónomos de Galicia. Segundo indicou AMTEGA na presentación do estudo (celebrada ante os medios este martes 22), o informe ten valor engadido por tratarse do primeiro que se fai, atendendo ás novas tecnoloxías, entre o devandito colectivo profesional.
Para darlle forma, fixéronse máis de 500 enquisas. A gran conclusión que se extrae é que tanto a dispoñibilidade como o emprego de TIC é “sensiblemente menor entre estes profesionais que entre as empresas galegas constituídas como sociedades”.
Cómpre lembrar que na nosa terra hai 145.245 autónomos cun perfil masculino de entre 40 e 54 anos de idade, centrados sobre todo no sector servizos (57,4%) pero con forte presenza na agricultura (27%). “A presenza de mulleres entre o colectivo (43,5%) supera en dez puntos porcentuais á proporción de autónomas do conxunto do Estado (33,4%)”, engadiron na presentación do informe Mar Pereira (directora de AMTEGA) e Francisco Javier Pérez (presidente de FEAGA), que tamén fixeron fincapé no feito de que unicamente o 65,3% dos autónomos galegos ten conexión a Internet para a súa actividade profesional e o 57,4% conta con banda larga, máis de 10 puntos de diferenza por baixo do conxunto das microempresas sociedades. Porén, cales son os motivos para que teñamos entre mans estes datos? Segundo explicaron, estamos máis ante unha situación de opción persoal que de falta de infraestrutura ou recursos. Así, case a metade dos nosos autónomos que non teñen Internet deciden non telo porque non lle ven vantaxes para o seu día a día laboral. Asemade, un de cada cinco di que non conta co coñecemento preciso para darlle rendemento.
O computador e a telefonía móbil para uso empresarial son os equipamentos informáticos con maior presenza entre os autónomos (73,5% e 60,7%, respectivamente) “pero cunha significativa fenda con respecto ás sociedades que acada os 14,6 puntos de diferenza en dispoñibilidade de ordenador e 16,4 puntos en telefonía móbil”, informouse. Polo que atinxe á concorrencia na Internet do colectivo profesional, dicir que apenas a cuarta parte dos seus integrantes, con acceso á Rede, conta con páxina web de seu. Ou sexa, que a taxa é de 11,1 puntos por debaixo das sociedades. Con todo, a situación mellora no que se refire ás redes sociais, xa que se ten detectado un crecente uso das mesmas como ferramentas para a visualización de produtos e servizos dos autónomos. Así, o 16,1% dos que contan con conexión a Internet ten unha presenza activa nas redes sociais, superando incluso á media do conxunto das microempresas (12,9%). En canto aos procesos de xestión e administración interna da empresa (factura electrónica, banca electrónica, sinatura dixital,…), o 32% dos autónomos emprega solucións informáticas para a xestión administrativa de clientes e provedores, xunto coas de vendas e compras
A maiores, unicamente un 7,1% do colectivo profesional envía as súas facturas de xeito electrónico, mentres que o 16,2% as recibe. A sinatura dixital é escasamente empregada polos autónomos galegos (14,3% entre os autónomos con conexión a Internet fronte ao 38,8% das sociedades).
Segundo fixo saber Mar Pereira na presentación destes datos, o Goberno galego está a despregar neste intre unha serie de iniciativas para incrementar as taxas de uso das TIC entre estes traballadores: “Dende a Xunta de Galicia estase a potenciar a formación dos empresarios e autónomos no uso das TIC a través da Rede de aulas CeMit e do Centro Demostrador TIC; así, a Rede CeMIT realizou no 2012 actividades dirixidas á pequena empresa e traballadores autónomos para aumentar a visibilidade empresarial a través de ferramentas de localización, de promoción e captación de clientes a través das redes sociais e profesionais e sobre a difusión de servizos mediante blogs”. A maiores, sinalou Pereira, o Centro Demostrador TIC acubillou máis de 100 horas de formación dirixidas a autónomos e microempresas sobre comercio electrónico, promoción dixital e o emprego da factura electrónica, do certificado dixital e de servizos na nube, entre outros.
Durante 2013 e en colaboración con FEAGA”, concluíu Pereira, “seguirase apostando pola vía da capacitación tecnolóxica en comercio electrónico, facturación electrónica e marketing desde o CDTIC e, tamén a través da Rede CeMIT, facilitándose o asesoramento tecnolóxico de expertos a grupos de autónomos en función da súa actividade e, en colaboración con FEAGA, deseñándose unha solución tecnolóxica aplicable a diversos sectores de actividade para a xestión integral do negocio, que permitirá aos autónomos ver de forma práctica a aplicación das TIC na súa actividade”.

PUBLICIDADE