O alcalde de Ourense pide a Educación implantar na cidade o Grao de Intelixencia Artificial

xoves, 25 de marzo do 2021 S. P.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, remitiu unha carta ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, para reivindicar a implantación no Campus de Ourense do Grao de Intelixencia Artificial como nova titulación universitaria de Galicia para o curso 2022-2023.
No comunicado o rexedor lembra que o dito grao, unido ao Centro de Intelixencia Artificial posto en marcha recentemente polo Concello, convertería a cidade nun referente internacional en tecnoloxías avanzadas da información: “Consideramos que sería un apoio fundamental para a consolidación deste papel referencial que se poida implantar un Grao de Intelixencia Artificial no Campus de Ourense”.
Entre os puntos fortes que avalan esta proposta, o alcalde subliña que “foi a Escola Superior de Enxeñería Informática a primeira en mostrar o seu interese formalmente por esta titulación; contan unha experiencia de máis de 30 anos en estudos de Enxeñería Informática; o perfil tecnolóxico encaixa coa Universidade de Vigo, enfocada no campo da tecnoloxía; e por último, a implantación desta titulación harmonizaría en Ourense as políticas académicas coas doutras administracións”. Motivos estes polos que o alcalde conclúe que agarda “contar co respaldo da Xunta de Galicia”.

PUBLICIDADE