O alumnado de Novicrea 4.0 coñeceu a fondo o funcionamento da Tecnópole

venres, 6 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Na mañá deste 4 de Abril, os alumnos-traballadores do Obradoiro Novicrea visitaron as instalacións da Tecnólope, o Parque Tecnolóxico de Galicia, emprazado en San Cibrao das Viñas. O Obradoiro Novicrea 4.0, como lembraremos, leva dende novembro en funcionamento e fornece de emprego a 20 persoas de Celanova, Bande e Verea. A iniciativa, na que colabora o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) dando apoio tecnolóxico e formativo, diríxese a impulsar a inserción laboral na comarca de Celanova e vén da man dos devanditos Concellos.
A actividade está coordinada por Antonio Piñeiro, cuxo obxectivo (e do seu equipo) é fornecer dun obradoiro de emprego que, amais de ser un obradoiro, sexa un espazo de exploración para proxectos formativos de futuro, proxectos relacionados directamente coas TIC.
Volvendo á visita á Tecnópole, máis polo miúdo ao seu edificio CEI, a responsábel de Proxectos do Parque Tecnolóxico de Galicia, Beatriz Monfort, explicou o funcionamento do complexo empresarial e os servizos que se prestan ás empresas emprazadas nel. Segundo salientaron os responsábeis de Novicrea 4.0, o coñecemento da actividade e funcionamento da Tecnópole e os seus servizos brindaranlles ós alumnos unha posibilidade máis de establecemento no caso de que decidan adicarse a emprender no sector das novas tecnoloxías cando rematen o obradoiro de emprego.
Máis datos sobre Novicrea 4.0
O Obradoiro de Emprego das Novas Industrias Creativas (Novicrea 4.0) marca diferenzas con respecto a outras iniciativas semellantes de inserción e promoción laboral ao adicarse por completo ás novas tecnoloxías da información, apostando por novos viveiros de emprego relacionados coa industria 4.0. O obradoiro imparte catros módulos de novas tecnoloxías como son Big Data, Audiovisuais e Produtos Multimedia, Desenvolvemento de Apps Web e Marketing.

PUBLICIDADE