O alumnado de tecnoloxía audiovisual do Campus de Pontevedra enche YouTube de vídeos caseiros

martes, 5 de maio do 2020 S. P.

O confinamento tamén é unha oportunidade para facer voar o espírito creativo. Así o entendeu o alumnado do grao en Comunicación Audiovisual do Campus de Pontevedra (UVigo), que, no marco da formación práctica para Tecnoloxía dos medios audiovisuais, está a realizar nestas semanas de reclusión nos seus fogares unha serie de pequenas curtametraxes desde as súas casas, valéndose dos recursos dispoñíbeis nos seus fogares (o atrezzo nas súas máis variadas manifestacións domésticas) e tirando proveito dos dispositivos tecnolóxicos como ferramentas de gravación e distribución. As curtas reúnense nunha canle de Yotutube, ao tempo que se difunden a través das redes sociais co cancelo #cortosnacasa.
A iniciativa, como explica o profesor responsábel da materia, Paulino Pérez, xurdiu ante a imposibilidade, por mor da crise da COVID-19, de continuar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coa formación practica habitual dunha materia na que o alumnado debe enfrontarse a traballos de gravación, son e edición. A experiencia comezou con vídeos de receitas de cociña e desembocou logo nunha segunda proposta: a creación dunha pequena curta protagonizada por peluches ou bonecos. Baixo o título de Cortos en cuarentena reuníronse nesta actividade outros 30 vídeos e tras estes chegou unha terceira proposta, na que se convidou ao alumnado “a falar con eles mesmos, a empregar unha técnica de clonación para que aparezan varias veces en pantalla”. Ao igual que nas anteriores, nesta terceira proposta, á que continúan sumándose traballos, optouse por realizar curtas de non máis de dous minutos, “por tratarse de traballos que cada alumno ten que idear, gravar, nalgúns casos cos seus teléfonos móbiles, e editar de xeito individual”.
Malia tratarse de traballos voluntarios, preto do 75%” dos 42 alumnos e alumnas matriculados na materia achegaron curtas á iniciativa.

PUBLICIDADE