O asistente de voz Cortana xa fala español

venres, 5 de decembro do 2014 Marcus Fernández

O asistente de voz para Windows Phone 8.1 leva dende a pasada primavera en beta nos EE.UU., e finalmente hoxe ampliou o seu soporte internacional para os usuarios do programa Windows Phone Developer Preview, de xeito que os usuarios máis ousados de móbiles co sistema operativo de Microsoft poden xa gozar de Cortana na súa versión alpha en Francia, Italia, Alemaña e España, empregando as linguas principais en cada un dos países, ou sexa, que Cortana por fin fala español.
Estamos ante unha versión alpha porque aínda non se probou debidamente en cada un dos mencionados territorios, pero na práctica ofrece practicamente o mesmo que a beta en inglés, aínda que algunhas funcionalidades, como o feito de que o asistente poida coñecer o estado do tráfico, depende principalmente da dispoñibilidade do servizo nas cidades polas que nos movamos. A principal funcionalidade ausente desta versión sería a consulta de datos de referencia (que permite a Cortana responder a preguntas xerais do estilo de cal é a altura do monte Everest) aínda que pretenden activar tal prestación en breve.
Dende Microsoft tamén se esforzaron para intentar trasladar o carácter de Cortana a cada lingua, e localizar o seu vocabulario ao territorio onde se empregue (por exemplo, so fútbol europeo agora chámalle soccer nos EE.UU. e football en Reino Unido).
Como outros asistentes, Cortana pode servir para interactuar co teléfono para dar ordes de voz, facilita a busca de localizacións, permite programar recordatorios, consulta a información meteorolóxica... e incluso vén acompañado por unha serie de funcións para o sistema operativo como a posibilidade de configurar un modo non molestar para bloquear as notificacións e chamadas a certas horas (coa posibilidade de establecer listaxes de exclusión, para que as comunicacións dos nosos máis achegados cheguen en calquera caso).


Entrevista a Marcus Ash onde amosan algunhas prestacións de Cortana

PUBLICIDADE