O auditorio da FEUGA acollerá o encontro As nosas, eixo sobre mulleres referentes galegas

venres, 24 de novembro do 2023 S. P.

Será o vindeiro venres, 1 de decembro, cando o auditorio da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) de Santiago de Compostela acolla un evento centrado en presentar referentes e salientar algúns dos perfís femininos que moven Galicia na actualidade. O dito encontro, chamado As nosas, quer servir para dar azos a máis mulleres e visibilidade ás que xa son relevantes no panorama económico galego, amais de contar experiencias persoais á hora de emprender ou liderar proxectos.
Cómpre informar que xa non quedan prazas libres, mostra do interese que suscitou esta iniciativa. Impulsado por Carmen Pumariño e Sandra Castro, e baixo o paraugas de nosday e a asociación Startup Galicia, a cita conta co apoio do IGAPE e FEUGA, desde a súa área de Innovación e emprendemento.
Indo ao encontro en cuestión, Carmen Lence, presidenta do Grupo Lence, será a encargada de abrir os relatorios, expoñendo o papel dos novos liderados femininos en empresas tractoras galegas. Mar Rodríguez, CEO de NORNNA; Bárbara Román, CEO de Nolegaltech e Cristina Vázquez, socia e directora de operacións de Teimas, compartirán unha mesa centrada na perspectiva da muller no traballo, moderada por Loreto Peteiro, redactora xefe de Quincemil. Beatriz Legerén, emprendedora e profesora da Universidade de Vigo; Cris Barreiro de DuckDuckGo, Irene Prieto, Senior Product Manager de Ikea e Maruxa Quiroga, CEO de TasteLab & SENSESBIT, serán as protagonistas do espazo adicado a mulleres referentes. Por último, será a quenda para as novas emprendedoras con Laura Rodríguez, cofundadora e CEO de Humara; Rebeca Calvo, co.fundadora e directora de Psicoloxía de Mentiness; Sandra Canda, CEO de Sparelajarse e Beatriz Lorenzo, CEO e socia fundadora de Real Impact.
A entrada é de balde, aínda que xa sinalamos que non quedan prazas libres. En As nosas tamén haberá espazo para o networking nun xantar, que completa o programa dunha xornada que busca tecer alianzas, pór o foco no traballo de líderes nas súas áreas e que quere chamar a atención das novas xeracións de emprendedoras de Galicia.
Para máis información sobre As nosas premer na ligazón específica habilitada.

PUBLICIDADE