O avellentamento e a dispersión da poboación sitúanos no furgón de cola da inclusión dixital en España

luns, 15 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

A nosa terra nunca o tivo doado coas redes, e agora tampouco. Por unha banda, temos o illamento económico e tecnolóxico do que ten sido obxecto por parte de múltiples gobernos. A isto cómpre engadir a falta de interese das operadoras para dotar de boa cobertura a totalidade da nosa terra, facendo fincapé no rural e nas zonas máis illadas dos grandes núcleos de poboación. Pero hai máis ingredientes que engadir, como por exemplo o problema da orografía accidentada e, agora máis que nunca, o problema do despoboamento e o avellentamento de amplas zonas do noso rural. A Rede chega tarde ás aldeas e vilas que estaban en maior risco de verse baleiradas e depauperadas? Pois probablemente. Ou polo menos isto é o que se desprende do Informe eEspaña 2013, da Fundación Orange, que empraza á nosa terra no último posto en no que se refire á inclusión en novas tecnoloxías da información.
De feito, os galegos obtemos só 57 puntos no Índice de Converxencia de eInclusión, fronte aos 91 de Madrid, por exemplo. Asemade, aínda que sobe a cifra de conexións a un ritmo superior ao que acontece noutras comunidades, se cadra era moito o que cumpría remontar, e os problemas de despoboamento e de infraestruturas son grandes de máis como para acadar a plena converxencia a tódolos niveis, engádese no informe. Resultado: o noso país está na cola da listaxe, xunto a Asturias, Andalucía e Canarias, no que se refire a inclusión dixital.
O envellecemento, explícase, é un factor a ter moi en conta. De feito, canto maior é a idade da cidadanía menor é o hábito da navegación. Para os autores do informe, “os maiores de 65 anos obteñen os mellores niveis de inclusión dixital en Cataluña, mentres que se atopan menos integrados na sociedade dixital en Galicia, Estremadura e Andalucía, por outra banda as rendas máis baixas teñen máis dificultades para integrarse na Sociedade da Información”. Polo que atinxe ao hábitat, Canarias e Galicia presentan niveis de exclusión dixital case tres veces superiores a Madrid.
Con todo, cómpre sinalar que na investigación tamén se indica que o número de fogares galegos con Rede contratada medrou un 53,4% no período 2008-2012 (pasando dun 36,7% a un 56,3% o ano pasado), duplicando a media europea. Dito doutro xeito: o afianzamento das TIC nas vivendas crece a máis velocidade ca en España e en Europa (con máis de cinco puntos de distancia nos dous casos). Malia o positivo destas cifras, cómpre ter en conta o feito de que tiveramos partido dunha situación de total desvantaxe, polo tanto a costa arriba a remontar é, para nós, dobremente empinada.

PUBLICIDADE