O cambio de tarifas de Yoigo molesta ós seus clientes

mércores, 30 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

En distintos blogs e foros están a criticar con dureza o cambio de tarifas da operadora Yoigo, que se anuncia en televisión prometendo unhas tarifas sinxelas e transparentes, mentres practica unha política radicalmente oposta.
A operadora estaba a anunciar que os seus clientes poderían falar entre eles sen límite, pagando só o establecemento de chamada, pero a partir do 1 de marzo as tarifas cambiarán limitando o tempo en promoción a 60 minutos/día.
Os usuarios están a criticar que tal modificación das súas tarifas non é precisamente «verdad de la buena» e resulta especialmente incómodo para os usuarios que mudaron de operadora para aproveitar unha oferta que resulta ser efémera. Amais, a operadora anunciaba que «todas las llamadas entre todos los yoigos, cero cent/min. Sin promociones», sen indicar que tal condición non se mantería nin 2 meses.
En foros tamén hai clientes de Yoigo que denuncian que están a recibir chamadas da operadora ameazando con cancelar a liña por abusar da tarifa de 0 céntimos por minuto (por facer chamadas de máis de 60 minutos), o que non parece moi ético para unha empresa que fai burla da letra pequena dos contratos.
Todo apunta a que a operadora vai rematar coa súa reputación por traizoar a súa propia imaxe.

PUBLICIDADE