O catálogo patrimoniogalego.net deixa atrás a liña dos 4 mil bens

venres, 21 de xuño do 2013 Redacción

O catálogo patrimoniogalego.net, acubillo colaborativo en liña para o rexistro da nosa riqueza etnográfica e cultural, chegou esta semana (trala incorporación da área arqueolóxica das Burgas en Ourense, da man de Xosé Troiano) aos 4.000 bens inventariados e incluídos. A cifra acadouse dous anos despois de botar a andar este espazo virtual cuxo obxectivo é, como dixemos, a preservación dos bens culturais galegos a través do seu mellor coñecemento colectivo. O certo é que nos últimos meses, segundo apuntan os responsábeis do catálogo (entre os que se conta o blogueiro Manuel Gago), detectouse maior velocidade no avance do proceso de catalogación. Isto foi posíbel grazas ao esforzo desinteresado dun cada vez maior número de participantes.
Ao contrario do que ocorre cos inventarios oficiais”, informan “patrimoniogalego.net permite á cidadanía involucrarse de xeito activo no rexistro e inventariado dos monumentos do país, polo que día tras día vanse abranguendo maiores áreas do noso territorio conforme se suman novos catalogadores, algo que resulta de importancia capital, dada a inxente cantidade de bens culturais distribuídos por toda a xeografía galega, a maior parte dos cales pendentes aínda de seren catalogados”.
Segundo apunta o equipo do catálogo en liña, a clave, o motor da iniciativa, está na participación, unha participación que ademais non para de medrar, facendo de xeito expoñencial. Outra das claves está nos propios usuarios, os visitantes, con independencia do seu nivel de colaboración no proxecto (xente que comeza o seu contacto coa web buscando no catálogo un ben cultural que pretende visitar e quere ver como se chega e valorar o estado dos accesos e que logo, con posteriores visitas, decide implicarse cada vez máis).
Cómpre lembrar que amais do nome e do emprazamento do ben patrimonial en cuestión, no catálogo figuran a súa tipoloxía, datación, descrición, propiedade e, por suposto, a accesibilidade e o seu estado de conservación, sen esquecer outros aspectos que poidan resultar de interese, como é o caso da tradición oral asociada.
No caso de que un ben cultural desaparecese ou conte con elementos espoliados, estes datos tamén son resaltados nas fichas correspondentes. O portal conta tamén cunha listaxe vermella na que figuran aqueles bens que se encontran en peor estado de conservación, “ata o punto de perigar de xeito inminente a súa propia existencia”, explícase.
Creado co soporte técnico de Wordpress e co aloxamento cedido por Dinahosting, patrimoniogalego.net é un Sistema de Información Xeográfica (SIX) totalmente independente, sen ánimo de lucro e aberto á participación cidadá que polo de agora se limita a catalogar os bens de carácter inmoble. Do seu correcto funcionamento ocúpase un nutrido grupo de profesionais de distintas disciplinas, coordinado polo divulgador e profesor da USC Manuel Gago. Xunto con Gago, ocúpase do deseño e do mantemento da web Eladio Rial, mentres que o corpo produción está integrado por Álex Bragaña, Soledad Felloza e Milagros Bará. O corpo de edición que supervisa as fichas dos bens culturais catalagodos está formado por Adela Oyonarte, Carmela Sánchez Arines, Franjo Padín, Xosé Gago e Elixio Vieites. Das cuestións xurídicas ocúpase o avogado Bernardo Dios e, por último, os xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde integran o gabinete de comunicación.

PUBLICIDADE