O centro atlanTTIC da UVigo, socio no proxecto europeo Retina de sensores fotónicos

mércores, 13 de marzo do 2024 S. P.

O pasado mes de decembro botaba a andar o proxecto europeo de fotónica Retina, unha idea que vai á procura de sensores fotónicos de próxima xeración con aplicacións en automoción, agricultura e atención sanitaria. O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic participa como socio, sendo un dos 13 integrantes que conforman o Retina, que ten por obxectivo desenvolver dous sensores baseados en tecnoloxías fotónicas para mellorar procesos no eido da saúde, a automoción e a agricultura.
Indo ao proxecto, dicir que durará catro anos, conta cun orzamento de 6,2 millóns de euros e está coordinado polo Centro Tecnolóxico AIMEN. O consorcio está composto por socios académicos, pemes e grandes actores clave de 7 países da Unión Europea: 4 RTO (a Asociación de Investigación Metalúrgica do Noroeste en España, o IMEC en Bélxica, a Universidade de Vigo, e o Instituto Fraunhofer Heinrich-Hertz en Alemaña; 1 gran empresa (Quest Medical Imaging B.V nos Países Baixos), 5 pemes (Photonfocus AG de la Suissa, Aeromedia Uav SL e Abraia Software SL de España, Xenomatix de Bélxica, e Tematys de Francia), 2 asociacións empresariais (a Associação para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense de Portugal, e o European Photonics Industry Consortium de Bélxica) e 1 hospital (o Leiden University Medical Center dos Países Baixos).
E cal é a finalidade de Retina? Pois desenvolver un concepto novidoso de LiDAR baseado en PIC altamente escalábel, desenvolver xeradores de imaxes espectrais instantáneas para sistemas sensoriais rentábeis e de alta resolución, establecer técnicas de software innovadoras e servizos para o despregue dunha plataforma de detección baseada en aplicacións fiábeis e precisas, e apoiar o liderado tecnolóxico do ecosistema fotónico da UE impulsando o crecemento en industrias estratéxicas.
Cómpre sinalar que as solucións introducidas por Retina terán tres aplicacións: identificación de células tumorais e monitoraxe da perfusión sanguínea en cirurxías, na área da saúde; sistemas avanzados de detección de colisións de vehículos ADAS (Sistemas Avanzados de Asistencia ao Condutor) en automoción; e plataformas terrestres e montadas en drons para a viticultura de precisión.
Francisco Díaz Otero, investigador de atlanTTic e líder do proxecto na UVigo, salienta que Retina levará a cabo os seguintes xeradores de imaxes, un sistema LiDAR fotónico integrado nun chip para capturar imaxes en 3D, e sensores de imaxes baseados en Quantum-Dots para aumentar o rango espectral e a sensibilidade á luz.
No marco deste proxecto crearanse dous tipos de sensores distintos desta tecnoloxía que demostrarán as vantaxes da fotónica fronte aos sistemas tradicionais nos que os circuítos electrónicos onde se representa a información se procesan mediante sinais eléctricos a diferenza dos sistemas fotónicos, onde se emprega a luz e son capaces de transmitir e procesar a información dun xeito máis rápido.
Emporiso, o traballo que levará a cabo o equipo do laboratorio QOPHI (Quantum, Communication, Photonics & Integration) de atlanTTic, do que forman parte Francisco Díaz (director do laboratorio), Francisco Soares (director científico), David Álvarez (manager de laboratorio) e Miguel Carbonell Valin (COO), permitirá establecer sinerxías coa coordinación do proxecto e co resto de socios participantes a nivel internacional.

PUBLICIDADE