O centro atlanTTic convoca un concurso de fotografías con iPhone

mércores, 22 de novembro do 2023 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, lanzou a primeira edición dun premio para “incentivar a participación na investigación forense que realizan no centro”. O centro vigués convidou ao público en xeral a compartir fotos en modo retrato tomadas cos seus dispositivos iPhone, as cales, segundo explica atlanTTic, permitirán recompilar datos esenciais para a súa análise e contribuirán a alcanzar avances nas súas investigacións.
Para participar, as persoas interesadas deben seguirse as instrucións proporcionadas no formulario para capturar e enviar as fotos en modo Retrato (Portrait) con iPhone, e o período de presentación de imaxes estará aberto ata o venres 22 de decembro de 2023.
As bases do premio recollen que cada participante deberá enviar un total de 20 fotos realizadas cun mesmo dispositivo iPhone, capturadas en dúas sesións de 10 imaxes cada unha. Cada participante que posúa máis dun dispositivo iPhone, poderá enviar imaxes desde cada un dos seus dispositivos para aumentar a súas posibilidades de gañar.
Terase en conta que por cada dispositivo iPhone diferente utilizado para enviar fotos, o/a concursante recibirá unha participación no sorteo, e aqueles dispositivos marcados con unha estrela ou dúas, permitirán a cada concursante sumar unha ou dúas participacións extra.
As fotos deberán cumprir cos requisitos especificados nas bases para ser consideradas válidas. O premio consiste nuns auriculares AirPods Pro (2023 2ª xeración) de Apple. O sorteo realizarase de maneira aleatoria e a persoa gañadora anunciarase o 23 de decembro de 2023 a través da páxina web de atlanTTic, das súas redes sociais e tamén será notificada por correo electrónico.

PUBLICIDADE