O certame de InfoJobs para deseñar a súa mellor app acubilla xa a medio milleiro de desenvolvedores

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

Preto de 500 desenvolvedores de aplicacións móbiles están a traballar xa co portal InfoJobs, un dos máis visitados de España no seu eido (publicación de ofertas e demandas laborais), no seu concurso aberto para programadores. Este certame, como sinalamos recentemente en Código Cero, diríxese a internautas que queiran dar forma a unha aplicación para smartphones baseada no propio InfoJobs. A experiencia, coñecida como InfoJobs App Challenge, está en activo dende hai dous meses, e o seu fin último, logo de ter recibido máis de medio centenar de ideas para facilitar especificamente a busca de emprego, é dar formar a un ecosistema de aplicacións que complementen ás oficiais do portal. Con isto, sinálase, axúdase a novos emprendedores que queiran crear o seu negocio a partir da dita plataforma.
As ferramentas, como dixemos no seu día, poden deseñarse na tecnoloxía que se prefira (iOS, Android, Windows Phone, HTML5, S40 Full Touch, Blackberry, Facebook, Web ou Dekstop), e o gañador obterá un recoñecemento de 10.000 euros. O portal, ao fío disto, facilita un conxunto de rutinas (API) para acceder aos datos que achega InfoJobs, amais do asesoramento técnico e de negocio que sexa preciso para os desenvolvedores. Isto faise a través da plataforma Hack-at-Home que subministra AppCircus.
A única premisa fixa que se estipula é que os usuarios finais das aplicacións sexan os candidatos de InfoJobs. Deste xeito, sinala a empresa, as áreas nas que se poden basear as aplicacións serán todas aquelas que se dirixen aos candidatos: procura de traballo, consulta e descrición das ofertas, inscrición nas mesmas, seguimento de candidaturas e acceso ao currículo. Todas as propostas terán que ser achegadas na devandita plataforma hackathome de InfoJobs antes do 22 de xaneiro, data na que comezará o período de votacións en liña á mellor aplicación móbil. No mes de febreiro, darase a coñecer á gañadora ou gañador do concurso. A evolución do certame poderá seguirse en Twitter co hashtag #appInfoJobs.

PUBLICIDADE