O chimpo da 5G será apreciable pola cidadanía a partir de 2024

mércores, 14 de xullo do 2021 S. P.

Imaxe dos catro relatores que participaron no foro do Plan Nacional 5G

O ano 2024 será un ano decisivo para o novo estándar de tecnoloxía móbil 5G: será o ano en que de verdade a cidadanía en xeral poderá apreciar o chimpo tecnolóxico que representa para as súas comunicacións. Así se fixo saber este 13 de xullo no Foro Plan Nacional 5G, celebrado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O evento incluíu charlas e relatorios relacionadas con estas tecnoloxías, así como a entrega de premios do Hackathon Teleco 5G, un concurso organizado ao abeiro do Plan Nacional 5G Teleco Vigo e no que alumnado do centro puido tirar proveito do largo de banda deste tipo de redes.
Participou, entre outros, o profesor Felipe Gil, que foi o encargado de abrir as xornadas cunha charla sobre o impacto das novas tecnoloxías 5G de investigación. “Polo de agora o que se ven son eses despregues iniciais, unhas maiores capacidades de largo de banda, unhas capacidades de Internet das Cousas iniciais, novas instalacións virtualizadas… Digamos que notamos unha pequena evolución, pero non ese cambio radical que suporá a 5G”, salientou Gil, quen afirmou que a partir de agora e en todo o que será o período 21-23 se irán implantando esas novas tecnoloxías que realmente si suporán un cambio. “A partir de 2024 será cando realmente imos poder ver o salto tecnolóxico da 5G, cando se fará verdadeiramente apreciábel esa nova tecnoloxía”, remarcou o investigador de AtlantTIC, o centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación impulsado pola Universidade de Vigo.
Segundo engadiu, o gran chimpo verase en cousas como o control de drons (con capacidade incluso de procesado de información), nas novas aplicacións de Realidade Aumentada en contornas industriais ou nas aplicacións de emisión crítica e produción cooperativa, etc.

Foto de familia dos tres equipos finalistas do Hackaton Teleco 5G

Xunto a Felipe Gil a xornada contou tamén con varios representantes do mundo empresarial e, máis concretamente, das empresas que conforman a Unión Temporal de Empresas (formada por Orange, Cinfo, Gammera Nest e Optare Solutions) que colabora no desenvolvemento de distintas probas de concepto en torno á futura tecnoloxía 5G. Nesta liña, Xosé Ramón Sousa, director de I+D da empresa galega Optare Solutions, salientou na apertura das xornadas que, desde que arrancaron este proxecto sempre tiveron en mente “poder achegar á sociedade o noso pequeno gran de área á hora de establecer un ecosistema o máis integrado posible de todos os actores que van a formar parte da 5G”. A súa intervención estivo centrada nos beneficios para a sociedade que suporá o Edge Computing, un novo paradigma de computación que trata de achegar o almacenamento de datos á localización na que se precisa para mellorar os tempos de resposta e aforrar largo de banda.
Xunto a eles participaron tamén na xornada Xoel Vázquez, da empresa Xoia, que afondou no impacto da Realidade Aumentada no ámbito do turismo, e Alfredo Vallejo, de Orange, que se centrou nos novos servizos 5G.
Respecto dos premios do Hackathon Teleco 5G, finalmente foron seleccionados tres equipos finalistas, composto cada un deles por tres estudantes, todos eles alumnos do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación, do Mestrado en Ciberseguridade e tamén de doutoramento.

PUBLICIDADE