O colectivo Alg-a achega experiencias innovadoras galegas á rede mundial Wikisprint

xoves, 21 de marzo do 2013 Redacción

A rede mundial Wikisprint, cuxos integrantes reuníronse este mércores 20 de marzo en diferentes emprazamentos interconectados (incluído Valadares, Vigo), ten presenza galega. Máis polo miúdo a través do nodo de Alga-lab, o laboratorio da comunidade Alg-a, colectivo galego vinculado ás novas tecnoloxías da comunicación (e da expresión) como ferramentas e materias primas de novos métodos artísticos e de acción social. Como lembraremos, a rede Wikisprint é un tecido de colaboración internacional que cingue as dúas beiras do Atlántico (Sur América e Europa do Sur) e que ten a súa orixe nas comunidades de programadores informáticos de Python, unha das linguaxes máis espalladas do eido da programación aberta e cuxas metodoloxías esténdese hoxe en día a todo tipo de proxectos culturais-cooperativos (libros colectivos, por exemplo). A xuntanza deste mércores veu da man da P2P Foundation, logo da súa experiencia realizando wikisprints para situar e coordinar experiencias arredor dos ditos paradigmas.
A participación galega no devandito evento internacional, informa o colectivo Alg-a, tivo múltiples feituras e, máis polo miúdo, contou coa presenza de experiencias como as de COOP GZ Imaxinaria de Cultura Libre ou dos responsábeis do Mapa Subxectivo de Valadares. Asemade, a xuntanza deu acubillo a un avance do Encontro Nacional de Arquitecturas Colectivas 2013 e á presentación do laboratorio móbil que está a impulsar Agronautas, Estudio Pez. A maiores, deuse a coñecer a moeda Bitcoin (moeda P2P) e o proxecto de montes veciñais en man común O Monte é Noso - Sachando Procomún. A xuntanza retransmitiuse en streaming e a través de chat, abranguendo a rede social Twitter no que a debates e xeración de información se refire. Amais dos colectivos e iniciativas galegas devanditas, participaron unhas cen organizacións, redes, comunidades, empresas e institucións do ámbito internacional. Por exemplo o Media Lab Prado de Madrid, o colectivo SurSiendo de Chiapas, a Escola dos Comúns de Barcelona, CulturaPeru, a Secretaría de Economía Creativa do gobierno de Brasil, o colectivo Hacktivistas ou Iniciativa Focus.

PUBLICIDADE