O cómic xaponés na era dixital centra estes días un simposio internacional no Campus de Pontevedra

martes, 31 de maio do 2022 S. P.

O Campus de Pontevedra acolle esta semana (onte e hoxe) un evento internacional no que expertos europeos e xaponeses afondan na evolución do cómic na sociedade dixital. O simposio Manga in a postdigital environment, que se celebra na Vicerreitoría, ten o obxectivo de “analizar, poñendo o foco no manga e no cómic xaponés, as transformacións formais, estéticas e narrativas que as tecnoloxías dixitais teñen producido neste medio”. Participan, a través dun formato híbrido (presencial e virtual) investigadores e investigadoras de diferentes universidades europeas (Alemaña, Suecia, Turquía e España) e xaponesas.
Trátase do sexto Foro Internacional de Creación na Fronteira que promove o grupo de investigación dx5 (digital & grapghic art research) da Facultade de Belas Artes, e insírese no proxecto de investigación, coordinado polo investigador José Andrés Santiago, Estudos transdisciplinares sobre cómic, seleccionado en 2019 na convocatoria de Proxectos de I+D+i Retos de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Investigación.
O evento, que foi inaugurado este luns pola directora do grupo dx5, Ana Soler, pon o foco no presente e o futuro do manga contemporáneo, facendo fincapé na interacción desta linguaxe coas vertentes dixitais e postdixitais.
Con estes puntos de partida, o VI Foro Internacional de Creación na Fronteira arrancou cun relatorio que Santiago e a tamén investigadora do grupo dx5 Tatiana Lameiro centraron no papel que xoga a tipografía, como “unha extensión da imaxe e unha ponte narrativa”, no cómic xaponés, a partir da análise de “dúas das series de manga máis populares” dos últimos anos, Naruto e Bleach.
A continuación, o investigador da Universidade de Tubinga Lukas R.A. Wilde afondou na construción de personaxes ligados á cultura popular xaponesa, mentres que, nunha intervención por vídeo-conferencia, Selen Çalik Bedir, da universidade turca de Beykoz, abordou como o desenvolvemento de cómics específicos para realidade virtual pode influír na característica organización de páxinas do manga. Tamén nesta xornada, a investigadora da universidade xaponesa de Tohoku Olga Kopylova analizou as “variacións textuais” que existen nas series de manga entre a súa publicación por capítulos nas revistas e a súa compilación en tomos.
Xa pola tarde, o experto da Seisa Dohto University Miho Taekuchi afondou no uso que os seareiros fixeron das columnas de lectores nas revistas de manga, antes de que os dispositivos dixitais permitisen aos creadores afeccionados compartir facilmente os seus traballos. O papel que estas revistas tiveron na “estandarización” do deseño destes cómics e en como a habitual disposición das páxinas se ten trasladado ao formato dixital dos webtoons constiuíu, por outra banda, o eixo da intervención de Dalma Kálovics, do Yokote Masuda Manga Museum, mentres que a profesora da Universidade de Estocolmo Jaqueline Berndt propuxo “revisitar” desde unha “perspectiva postdixital”, o que chama os “proxenitores do manga”, os emaki, rolos de imaxes do Xapón medieval, e os libros ilustrados kusazoshi.
Esta primeira xornada pechouse coa análise das diferencias que supón o paso do manga en papel ao formato de webtoon, o máis consumido a día de hoxe en países como Corea do Sur, da investigadora da Kyoto Seika University Bon Won Koo.
Este martes, o simposio continúa cos relatorios de Per Israelson, da universidade alemá de Linköping; e de Stevie Suan, da Hosei University, quen se deterá na “transnacionalidade” do anime. Por último, Nicolle Lamerichs, da Universidade de Ciencias Aplicadas de Ultrecht afondará no “impacto na distribución, creación e recepción do manga” que supuxo o desenvolvemento de novas plataformas dixitais, mentres que Zoltan Kacsuk dará a coñecer o proxecto Japanese Visual Media Graph, a base de datos sobre manga e anime que desenvolven na Stuttgart Media University.

PUBLICIDADE