O concurso de Instagram da feira de artesanía de Agolada recibiu máis de 170 imaxes

mércores, 13 de xullo do 2016 Redacción

Os días pasados desenvolveuse na rede social Instagram un concurso sobre creatividade galega ao abeiro do Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia (Corazón de Artesanía) celebrado en Agolada (quinta edición), entre o 8 e o 10 de xullo. O certame, ao longo dos tres días de feira, acolleu a publicación de máis de 170 imaxes correspondentes a 43 usuarios (39 mulleres e 4 homes). A gañadora levouse un lote de produtos de Artesanía de Galicia.
A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño ideou este concurso, dentro da mesma liña marcada no programa de Corazón da Artesanía, coa finalidade de divulgar os oficios tradicionais entre todas as idades e, ao mesmo tempo, facer ao público protagonista do encontro.
Cunha imaxe na que aparece cos zocos enormes que se podían ver no posto de artesanía de Elena Ferro, a gañadora do certame foi Lucía Rodríguez, xa que foi a que recibiu máis likes ata as 23.59 horas do pasado domingo na conta de Instagram de Artesanía de Galicia.
Para participar no concurso, as fotos, obtidas no transcurso do encontro de Agolada, tiñan “que amosar o ambiente do certame, o traballo dos artesáns ou das pezas expostas”, en palabras da organización.
Respecto do nivel de seguimento acadado pola quinta edición de Corazón da Artesanía (celebrada no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada), sinalar que foi visitada de máis de 8.000 persoas, o que demostra, en palabras de organización, a consolidación cada ano dun evento que mestura artesanía, obradoiros para todas as idades, gastronomía e música. O evento forma parte do Plan de Artesanía de Galicia, que persegue conseguir un sector artesán sólido e sustentábel no tempo, “incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego”.

PUBLICIDADE