O coñecemento aberto, eixe dun encontro internacional do grupo Gis-T Idega da USC

luns, 4 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

O grupo Gis-T Idega da Universidade de Santiago, responsábel de iniciativas como Granxafamiliar.com, o Máster en Sociedade da Información da USC ou a web galiciaautentica.org vai organizar na recta final deste curso académico un encontro de traballo arredor da información e o coñecemento sen barreiras. Máis polo miúdo, trátase dun workshop titulado Innovación Aberta e Open Data, a celebrar entre o 19 e o 23 de xuño na Universidade Nova de Lisboa. Arestora, informa a USC, o encontro está aberto a presentación de contribucións orixinais relacionadas cos temas de interese en formato de artigos, textos curtos ou pósteres. As achegas poderanse presentar ata o 26 de febreiro en español, portugués ou inglés.
Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración do Unión Xeográfica Internacional e do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia que se vai desenvolver no marco da 8ª Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información (CISTI2013). A conferencia e máis o workshop, informa o grupo da USC, “permitirán definir espazos de interrelación para o coñecemento mutuo de persoas e colectivos interesados nos laboratorios cidadáns e no open data.
O gran obxectivo, a un nivel máis concreto, é dar corpo a redes colaborativas interdisciplinarias e internacionais para formular e impulsar novos proxectos e ideas arredor do coñecemento tecnolóxico sen atrancos. As persoas interesadas poden atopar máis información na web do Gis-T.
Lembrar que a filosofía-metodoloxía do Open Data avoga por que determinados datos estean dispoñibles de forma libre a todo o mundo, sen restricións de copyright nin patentes, ou outros mecanismo de control. Ou sexa, que falamos de ceibar os datos co fin de promover o seu emprego e mellorar, en última instancia, a calidade de vida dos cidadáns por medio de mellores servizos e máis coñecemento. Asemade, trátase dun piar importante para o pulo á Administración Electrónica.

PUBLICIDADE