O dicionario portugués Priberam incorpora á súa web máis de 1.000 expresións galegas

martes, 4 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

A Rede semella querer facer o que denegou a historia. Falamos da importante listaxe de esforzos postos en marcha nos últimos tempos na Internet para pór máis preto a cultura galega da portuguesa (e máis viceversa), pobos irmáns que ao longo dos séculos foron obrigados a verse a través dunha fronteira. Pois ben, nesta liña é onde semellan situarse os responsables do Dicionário Priberam da Língua Portuguesa (DPLP), unha achega de coñecemento en liña que arestora conta con case 100.000 entradas e que segundo se nos conta dende Xornal.com (facéndose eco dun comunicado emitido pola AGLP), dispón dende o pasado 27 de abril de 1.092 voces de emprego cotián no galego.
Estas achegas, feitas para a firma Priberam Informática pola Comissão de Lexicologia e Lexicografia da Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), forman parte do que segundo os responsables da ferramenta en liña é a norma galega do portugués.
A súa idea é pór ao día a base de datos de xeito regular. O xermolo de todo isto está nun acordo formalizado entre a devandita empresa e a academia.
En opinión dos máximos representantes desta última institución, trátase este dun paso salientable no vieiro do recoñecemento do galego, dentro e fóra de Galicia, como variedade da lingua común. Ao seu xuízo, e en contra do que adoitan a pensar unha boa cantidade das persoas que lle atribúen á nosa lingua unha incapacidade para ser útil no mundo, a comunidade de galegofalantes non é unha illa no planeta, forma parte dunha comunidade de máis de 200 millóns de falantes, o que é a todas luces un punto ao noso favor do que cómpre que tiremos proveito.
A devandita Academia, entidade privada encamiñada ao servizo público, e máis a editorial Priberam consideran que as achegas galegas ao léxico do dicionario van supoñer un importante pulo para o prestixio do galego e da comunidade lingüística. No que atinxe ao propio interese da empresa por esta aposta pola nosa lingua, cómpre sinalar que responde á súa arela de espallar as ferramentas lingüísticas tecnolóxico-dixitais con recursos de máis variedades do portugués, alén do portugués europeo e o portugués de Brasil. O proceso iniciado de achegamento ao galego non será un proceso invisible que fique sen seguimento na Rede: detrás del, e avalándoo, está un dicionario, o Priberam, que conta na Internet con máis de un millón de páxinas vistas por día.

PUBLICIDADE