O director da Tecnópole aposta por atraer nómades dixitais ao noso rural para combater o despoboamento
martes, 23 de novembro do 2021
A
Mobile Week Ourense 2021,
centrada desta volta en reflexionar no impacto da transformación
dixital, celebra este martes 23 a súa última xornada. O
director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo, participou
na mesa redonda sobre estratexias de dixitalización da contorna
rural para evitar o despoboamento. Abordáronse cuestións como a
conectividade no rural, achegando un modelo de intelixencia conectiva
axeitado aos intereses do rural galego e ao mesmo tempo proxectado á
súa viabilidade económica e ao modelo de desenvolvemento futuro.
Xunto
ao director de Tecnópole, participaron tamén a directora da Axencia
Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Inés Santé; e Raúl
Carbajal, investigador rural postdoutoral na Universidade de Oviedo.
A responsábel de moderar a mesa foi a xerente de Abanca Innova, Rosa
Seoane.
Na
sesión profundouse no impacto positivo da dixitalización da
contorna rural para evitar o despoboamento e en como crear unha
oportunidade para o asentamento dos traballadores do coñecemento
neste ámbito.
Durante
a súa intervención, Javier Taibo fixo referencia á formación e ás
infraestruturas como dous dos grandes retos aos que se enfronta o
rural: “Hoxe no medio rural temos unha barreira cognitiva que
debemos que romper. É preciso levar a transformación empresarial, a
formación e a creación de empresas para levantar as inquietudes da
xente neste ámbito, baixo o paraugas da sustentabilidade”.
En
relación ás infraestruturas, o director de Tecnópole sinalou que é
un eido de actuación onde “hai moito por facer, non só no
referente aos equipamentos de servizos comúns, senón tamén de
elementos propios para o desenvolvemento da agroindustria. Aínda que
o concepto de industrialización do campo poida soar un pouco
agresivo, débense profesionalizar os servizos”, sinalou, poñendo
o foco na “asimetría que existe nos servizos básicos como a
sanidade, a cultura ou a educación no rural con respecto ás
cidades”. E engadiu: “Imponse superar esta fenda aínda que non
sexa rendíbel e haberá que facelo en boa medida con fondos
públicos”.
A
importancia dos nómades dixitais
No
transcurso da mesa redonda, o director de Tecnópole incidiu no feito
de que “hai unha volta xeneralizada ao rural. Coa COVID e a
irrupción do teletraballo, existe unha gran cantidade de
profesionais europeos que están migrando a España. Galicia debe
establecer unha estratexia para estes nómades dixitais. Buscan un
ambiente agradable de traballo, próximo á natureza e con boa
calidade de servizos. Temos que tratar de atraelos porque é positivo
non só para dar vida ao rural senón tamén porque se trata de
profesionais altamente cualificados”.