O e-mail imponse ó teléfono como canle principal de comunicación no traballo

martes, 21 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Primeiro foi o fax e agora semella ser o teléfono. O correo electrónico, a tenor dun deses estudos que andan decote pola Rede con intereses adxuntos (porque ningunha consultora fai un estudo por amor á arte) e que vén da man da firma Dimension Data, vai a escape libre, e faino tirando proveito da súa principal vantaxe: é barato. Así, a xuízo da dita investigación, o uso dos e-mails no mundo laboral xa ten máis presenza e continuidade có do teléfono, feito no que tamén ten moito que ver a súa inmediatez e a relativa seguridade que achegan. A enquisa, levada a cabo en 524 empresas de 13 países de todo o mundo, dá o seguinte dato: un 99,6 % dos traballadores aseguran empregar o correo electrónico nas súas comunicacións cotiás no eido laboral, contra un 80% que aínda terma do teléfono fixo e un 76% que pon no posto máis alto das súas prioridades ó teléfono móbil.
O caso é que a Rede medra como a escuma, alí onde chega: máis da metade dos enquisados comunicaron a súa aposta decidida pola mensaxeiría instantánea no traballo como método eficaz de diálogo con compañeiros, socios, provedores ou clientes (damos por sentado de que se trata de diálogos con fins laborais, porque doutro xeito cumpriría relembrar que a mensaxeiría instantánea dá lugar a longas horas de sa improdutividade na oficina, e quen diga o contrario é probable que estea a fabricar a súa propia trampa).

PUBLICIDADE