O edificio do Tío Pepe da Porta do Sol dará acubillo á vindeira tenda Apple da cidade

venres, 30 de decembro do 2011 Raquel Noya

Imaxe que presentará a fachada do edificio tras a súa remodelación

O emblemático edificio da Porta do Sol número 1, coroado dende hai varias décadas polo histórico cartel de Tío Pepe, vai ser rehabilitado para converterse na entidade Apple Retail Store, que o dedicará a usos comerciais e a oficinas vinculadas a esta actividade.
Coa súa transformación, aprobada este xoves, “adaptarase o edificio aos novos usos mediante actuacións en fachada, cuberta, escaleiras, patios, ascensores, estrutura, sótanos e bóvedas”, “que porán en valor o inmoble”, engaden.
Desta maneira conservarase a fachada actual, recuperándose a composición orixinal dos buratos, así como os seus materiais orixinais. Asemade, substituiranse as carpinterías das plantas baixa e primeira, e recuperaranse tódalas cubertas a dúas augas.
O inmoble non só se adaptará aos novos tempos en materia de deseño e decoración (deixando máis espazo para a entrada de luz natural), senón que tamén será adecuado á lexislación vixente en materia de accesibilidade, seguridade e evacuación.
Desta maneira, en palabras do Goberno local para os medios, “as actuacións pretenden non só poñer en valor un edificio protexido, senón tamén concibir un novo espazo máis accesible, transparente e comunicado de forma directa co seu entorno: a Porta do Sol, a Carreira de San Xerónimo e a Calle de Alcalá”.

O edificio coa publicidade de Tío Pepe é un dos máis carismáticos de Madrid

PUBLICIDADE