O empresariado TIC galego recibe formación para consolidarse no mercado

xoves, 3 de xuño do 2010 Raquel Noya

Os empresarios e empresarias galegas que onte se achegaron ata Compostela para participar nun encontro con BIC Galicia que a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) lles tiña preparado, saíron da xuntanza con bo sabor de boca, ao ter recibido información de utilidade para consolidar as súas empresas e facelas destacar no mercado.
Este encontro, no que máis de vinte empresas TIC do país recibiron información de utilidade da man de representantes da entidade BIC Galicia, tiña como principal obxectivo apoiar a consolidación e o crecemento das empresas do sector TIC e transferir a experiencia de expertos do mundo da empresa ás firmas empresariais.
Para isto, a responsable da Rede Mentoring, Placeres Conde, mailo director de Área do organismo, Jacobo García, ambos os dous de BIC Galicia, explicaron os programas de apoio á consolidación empresarial que están a levar a cabo, así como a dinámica da mentorización de empresas e os beneficios de participar na Rede Mentoring para as empresas de novas tecnoloxías asistentes ao encontro.
A Rede Mentoring, segundo explicou, “ten como obxectivo a transferencia de coñecementos entre expertos do mundo da empresa, persoas cunha ampla traxectoria profesional, e empresas que queiran medrar, ampliar mercados ou mellorar a eficacia nos seus procesos”.
Asemade, engadiu, “calquera empresa galega que estea en fase de crecemento e consolidación e que teña unha necesidade estratéxica concreta, pódese unir á Rede”, e aproveitarse así das vantaxes que ofrece o organismo.
Por outra banda, no encontro tamén se deron a coñecer as características do Taller de Dirección Estratéxica, destinado a empresas nos seus primeiros anos de funcionamento, que inclúe un taller formativo de 40 horas (5 módulos de 8 horas), unha fase de mentorización e unha xornada de negocios.
Este desenvólvese baixo a organización de asociacións empresariais, como EGANET, que levará a cabo o obradoiro no vindeiro mes de setembro, co valor engadido de que o conxunto das empresas participantes pertenzan ao sector das TIC para conseguir unha mellor resposta ás súas necesidades, inquietudes e dúbidas.
Na imaxe, de esquerda a dereita, Víctor López (presidente de Eganet), Jacobo García e Placeres Conde (ambos os dous de BIC Galicia).

PUBLICIDADE