O encontro Pingueira converterá Chantada na capital galega da innovación educativa

martes, 20 de setembro do 2016 Fernando Sarasketa

O verán enfía a súa recta final e a nosa terra reborda de actividades de divulgación e información tecnolóxica. Sen ir máis lonxe estes días 23 e 24 de setembro celébrase en Chantada o Encontro Pingueira, unha xuntanza “transdisciplinar” para profesionais da comunicación, da educación e da tecnociencia co fin de espremer e avaliar cuestións como a necesidade de crear liñas pedagóxicas que atenda o mundo actual ou a necesidade de xuntar colectivos (comunicadoras, tecnólogas, científicas, historiadoras, creadoras, alumnado, familias e colectivos) para construír “unha educación pública actual que contemple a diversidade”. Tamén se buscarán metodoloxías para tirar partido consciente das novas tecnoloxías para multiplicar os recursos e a interactividade nas aulas. Asemade, visualizaranse os proxectos educativo-innovadores que se están a desenvolver na nosa terra.
“O Encontro Pingueira”, sinala a organización do evento, “quere ser un espazo dende o cal dinamizar a nosa cultura audiovisual, dixital e online, a través do empoderamento tecnolóxico, valorizando especialmente os coñecementos locais e facilitando a interacción entre xeracións”.
O encontro contará coa intervención, a través de conferencias e táboas redondas, de blogueiras e educadoras como Irene Lapuente (La Mandarina de Newton), Francesc Josep Deó (Aula Mèdia), Deborah García Bello (Dimetilsulfuro), Tucho Méndez (Bricolabs), Javier Conde (IES Lama das Quendas), Manolo González (ClipHistoria), Xosé Manuel Rosales (Proxecto Terra), José Antonio Quiroga (Ecomuseo de Arxeríz), Rita González (pedagoga crítica), Silvia Villar (Casa Colorida) ou o Colectivo Velaísca.
Asemade, Pingueira componse de dúas sesións de presentación de proxectos pedagóxicos innovadores, saídas de campo e momentos de intercambio e dinámicas entre todas as persoas participantes. Ademais, o xoves 22 celebrarase o coloquio Novos usos e novos hábitos de consumo das pantallas con nais e pais sobre emprego das novas tecnoloxías na nenez e na adolescencia, e a cargo de Francesc Josep Deó, presidente de Aula Mèdia.
O encontro Pingueira está organizado pola asociación educativo-cultural Airoá Comunicación e Nova Escola Galega e vai ter lugar entre o IES Val do Asma en Chantada e o Ecomuseo de Arxeríz. Dende o equipo responsábel da xuntanza fan un convite a toda a comunidade educativa (docentes, persoal investigador, comunicadoras/es, familias, alumnado e axentes sociais diversos interesados nestas temáticas) para participaren neste importante foro de debate.

PUBLICIDADE