O equipo ECRIM (UDC) colabora nun proxecto tecnolóxico contra o tráfico ilícito de bens culturais

luns, 16 de xaneiro do 2023 S. P.

O equipo de investigación da Universidade da Coruña (UDC) Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI (ECRIM) participa en RITHMS (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security) un proxecto financiado pola Unión Europea. O dito proxecto ten como finalidade mellorar, con axuda das tecnoloxías máis innovadoras, a capacidade operativa das forzas policiais e as autoridades aduaneiras e fronteirizas para facer fronte ao tráfico ilícito de bens culturais, á vez que se investigan os mecanismos que subxacen a este fenómeno. Cómpre engadir que este proxecto está coordinado polo Istituto Italiano dei Tecnologia (IIT).
Indo ao miolo deste traballo, nel colaboran catro autoridades policiais, dúas axencias fronteirizas, unha academia de policía, empresas e institutos de investigación expertos no eido do Patrimonio Cultural e a tecnoloxía sobre sistemas integrados de telecomunicacións e protocolos de seguridade informática.
Deste xeito, RITHMS propón un enfoque interdisciplinario, necesario tamén polo carácter transnacional deste tipo de delincuencia, que incluirá dende análise do mercado da arte até análises criminolóxicas, pasando por estudos xurídicos e forenses. O obxectivo é o desenvolvemento dunha plataforma baseada en intelixencia artificial que permita identificar redes de delincuencia organizada e achegue aos investigadores información sobre a súa actividade máis evolución. Así, a plataforma explotará o potencial da Análise de Redes Sociais (ARS), unha metodoloxía que permite comprender mellor o comportamento das persoas implicadas no tráfico ilícito a través das súas reaccións e interaccións en liña.
Engadir que o proxecto recibiu un financiamento de cinco millóns de euros da Unión Europea, con cargo ao Programa de Investigación e Innovación Horizonte Europa. A coordinadora do proxecto é Arianna Traviglia, Directora do Centro de Tecnoloxía do Patrimonio Cultural do IIT en Venecia (Italia).
Indo ao equipo galego da UDC, dicir que está liderado pola catedrática Patricia Faraldo, quen vai encargarse das análises criminolóxicas sobre esta tipoloxía de tráfico ilícito, así como de supervisar os aspectos ético-sociais que implica o uso dunha intelixencia artificial para a investigación criminal.
A lista de socios inclúe: Istituto Italiano dei Tecnologia (Italia, coordinador); StAG srl (Italia); VTT - Technical Research Centre of Finland (Finlandia); European Software Institute - Central Eastern Europe (Bulgaria); RiniGARD DOO ZA USLUGE (Croacia); Houston Analytics (Finlandia); BEIA Consult International srl (Romanía); SatCen - European Union Satellite Centre (España); Universidade da Coruña (España); Hochschule für dean öffentlichen Dienst in Bayern (Alemaña); European Institute Foundation (Bulgaria); o Comando dos Carabinieri para a Tutela do Patrimonio Cultural do Ministerio de Defensa italiano; a Brigada de Patrimonio Histórico da Policía Nacional española; a Policía Nacional dos Países Baixos; a Policía de Fronteiras de Bulgaria; a Policía de Moldavia; a Policía de Fronteiras de Bosnia e Hercegovina. Tamén participa como entidade afiliada a asociación Art Crime Project-APS (Italia) e Conceptivity sarl (Suíza) como asociado.
O proxecto RITHMS conta cunha web e un perfil en varias redes sociais como LinkedIn e Twitter.

PUBLICIDADE