O evento Red Innova buscará alternativas tecnolóxicas para saírmos da crise

xoves, 31 de maio do 2012 Raquel Noya

O encontro internacional Red Innova chega un ano máis a Madrid, e faino cargado de novidades e cun obxectivo ben definido: reunir a tódalas persoas emprendedoras do Estado nun mesmo lugar, a fin de abrir vieiros para saír da crise.
A edición deste 2012 celebrarase os días 14 e 15 de xuño, e enfocará os seus contidos e actividades a informar e formar a todas aquelas persoas que desexen emprender, que teñan interese por Internet e polas novas tecnoloxías, e que teñan ideas de negocio que axuden a conformar o que eles chaman a “nova economía”, é dicir, a economía dixital.
En palabras do fundador de Red Innova, Pablo Larguía, este ano o evento “ofrecerá unha alternativa para saír da crise económica”; unha alternativa baseada nos denominados emprendedores dixitais, é dicir, aquelas persoas que da man da tecnoloxía comezan os seus propios proxectos innovadores.
Entre as novidades deste ano destaca a celebración do Developers Day, unha actividade dirixida a unir o talento emprendedor co coñecemento tecnolóxico, a través de talleres, demostracións e prácticas para os asistentes ao encontro.
Entre os relatores convidados atópanse o experto en seguridade Chema Alonso; o creador de Cálico Electrónico, Nikotxan; e o vicepresidente de Immunity e experto en seguridade ofensiva Nico Waisman, entre outros.
No marco deste evento terá lugar, asemade, a IV edición do concurso internacional BBVA Open Talent Red Innova, que ofrece a oportunidade de desenvolver e dar visibilidade ao maior número de proxectos relacionados co emprendemento, e cos novos modelos de negocio baseados nas novas tecnoloxías e Internet.
Esta edición tamén contará co evento Campus Red Innova, unha serie de talleres, sesións demostradoras e workshops que servirá para formar a profesionais e emprendedores no eido das TIC.
Neste “caixón de xastre tecnolóxico” non faltarán tampouco os relatorios sobre social media e xestión de comunidades en liña, sobre as últimas tendencias en aplicacións móbiles e sobre comercio electrónico, entre outros temas de rabiosa actualidade, que chegarán da man de 18 relatores das principais entidades internacionais do sector como Facebook, Google, Badoo, Tuenti, Telefónica, Nokia ou Microsoft, entre outras moitas.

PUBLICIDADE