O festival Play-Doc premia ao galego Xurxo Chirro

luns, 26 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Finalmente o certame Play-Doc de Tui, centrado no eido documental e na innovación que rodea aos novos procesos de realización e difusión deste xénero, chegou ao seu remate colleitando un novo éxito de seguimento, dentro e máis fóra do propio festival (tal e como amosa ás claras o seu acordo con R para achegarlles os seus contidos aos clientes da operadora galega). O vencedor desta edición 2012 do evento galego, a 8ª, foi un creador da nosa terra, o guardés Xurxo Chirro, autor de Vikingland, unha obra que foi cualificada polo xurado como unha fonda peza de reverberacións emocionais, “unha película na que o protagonista mostra ao cineasta o camiño para descubrir a súa voz propia”.
O xurado estivo composto por Carlos Muguiro, presidente do xurado, e os críticos e programadores Pamela Cohn e Nicolas Azalbert. Muguriu leu a lectura do fallo en compaña dos directores do festival, Ángel Sánchez e Sara García; e o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e a súa concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.
Xurxo Chirro recolleu o premio, consistente nunha estatuíña de pedra e 5.000 euros, e agradecendo ao festival e ao xurado que apostasen polo seu filme: “Xa dixen ao presentala que era unha película especial e singular, cun complicado consenso en públicos e xurados”, explicou; remitíndose á súa selección en Marsella, Jhilava, Xixón ou Ficunam, festivais nos que foi ben recibida pola crítica sen acadar premios. Chirro agradeceu o recoñecemento á súa produtora Beli Martínez, “a persoa que máis me axudou nesta travesía”, comentou. O filme narra a historia do mariño mercante O Haia. Os feitos que acompañan a vida deste personaxe están reconstruídos con anacos de gravacións que el mesmo fixo durante máis dun ano traballando no mar. A obra amosa “un documento esencial da diáspora galega e é un retrato preciso do mundo do traballo no mar”, sinalan de Play-Doc. Para quen queira achegarse un pouco máis á obra de Xurxo Chirro, dicirlle que ten espazos propios na Rede onde vai dando conta do seu traballo e dos proxectos, por exemplo no Google+ ou no blog Chanfreiros.
Asistencia
Previamente ao seu remate, indicou a organización do certame, “todo parece indicar que se mantiveron as cifras de asistencia do pasado ano, con máis de 5.000 espectadores nunha selección máis reducida, o que se pode ver en realidade como un aumento nas cifras, cunha media de non menos de 300 butacas ocupadas por sesión”.

PUBLICIDADE