O fondo de capital risco i2C comeza a impulsar o I+D+i galego

venres, 24 de febreiro do 2012 Redacción

Javier Guerra na presentación do primeiro proxecto empresarial apoiado polo novo fondo de capital risco i2C

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou esta mañá na presentación do primeiro proxecto empresarial apoiado polo novo fondo de capital risco i2C que “o impulso á innovación ocupa unha das principais liñas estratéxicas da Xunta de Galicia como firme camiño do crecemento económico”. Na súa visita ás instalacións da empresa de nanotecnoloxía Nanogap, situadas en Ames, o titular de Economía e Industria destacou que este novo fondo, que achegará un millón de euros a esta firma para que poida seguir avanzando na súa estratexia baseada na rendibilidade, a innovación e a internacionalización, “servirá para impulsar sectores innovadores con grandes perspectivas de futuro”.
Tal e como salientou o conselleiro, o Fondo i2C, dotado con vinte millóns de euros, permitirá tamén “estimular e atraer investimentos de cara á I+D+i galega”. Segundo Guerra, o obxectivo deste novo fondo impulsado en colaboración por Xesgalicia e a Dirección Xeral de I+D+i, é favorecer a posta en marcha de proxectos “solventes, cunha forte compoñente de I+D+i, con grandes perspectivas de internacionalización e, por suposto, encadrados en sectores cun alto potencial de crecemento”. Así, primaranse os investimentos en iniciativas ligadas á biotecnoloxía, nanotecnoloxía, ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC), á sanidade, á educación, á seguridade e ás enerxías alternativas.
Guerra salientou que apoiando a Nanogap, que grazas ao préstamo de máis dun millón de euros da Xunta avanzará no seu crecemento e consolidación, triplicando o seu cadro de persoal e creando 20 novos postos de traballo, Economía e Industria aposta por un proxecto “solvente, sostible e que permitirá rendibilizar o talento destinado á investigación, coa implicación imprescindible da iniciativa privada, que tamén participa no fondo i2c”.
A empresa Nanogap, creada en 2006, ofrece unha ampla gama de novos nanomateriais, que poden aplicarse para conseguir capacidades condutoras en determinados produtos; para material de uso médico, polas súas propiedades antimicrobianas; ou para mellorar probas de diagnóstico clínico ou a seguridade dos billetes, debido ás súas aplicacións magnéticas. Ademais, nestes momentos estanse introducindo na investigación de aplicacións terapéuticas relacionadas coa investigación de antibióticos e novos métodos de detección e tratamento do cancro.

PUBLICIDADE