O futuro do noso audiovisual, a debate na Feira das Industrias Culturais

xoves, 25 de novembro do 2010 Raquel Noya

A Feira das Industrias Culturais, un evento creado hai tres anos para dar conta das tendencias que se van marcando no eido cultural galego en calquera das súas vertentes, vai ser afrontada nesta edición pola Asociación Culturgal, que velará por asentar unhas liñas de traballo sólidas no noso panorama audiovisual e por darlle continuidade a este evento do que colleu as rendas este ano.
Ao longo de tres días, do 26 ao 28 de novembro, os profesionais da industria audiovisual galega amosarán en Pontevedra as diferentes caras e maneiras que ten este sector a día de hoxe, ao tempo que analizan os seus retos de futuro e sentan as bases de actuación para abrirse camiño alén das nosas fronteiras.
A análise da situación actual e a busca de novas oportunidades de desenvolvemento serán asuntos centrais no foro profesional organizado por AGAPI, que compartirá escenario con representantes das produtoras Continental Producciones, Vía Láctea Filmes, Mara Producciones, Pórtico Audiovisuais e Abano Producións.
Tamén estarán a Televisión de Galicia, o Consorcio Audiovisual de Galicia, a Corporación Caixa Galicia, Audiovisual Aval SGR e o FICA de Portugal… ademais de diversos actores e directores que explicarán as súas estratexias á hora de desenvolver o seu talento.
Nesta mesma liña, o espazo comisariado polo xornalista Iago Martínez no faiado, dará acollida a un ciclo sobre o Novo Cinema Galego (etiqueta acuñada polos críticos Martin Pawley, José Manuel Sande e Xurxo González para designar unha nova xeración de cineastas que traballan nas marxes do audiovisual do país).
Ademais, presentaranse diferentes proxectos, como o novo filme de Mario Iglesias, Rosario, e a coprodución de Nordesía, Filmanova e Kachet, Mundo Lois, sobre o universo do poeta Lois Pereiro.
Por outra banda, OQO filmes traerá a Culturgal unha mostra das súas pezas de animación a partir de álbums ilustrados, e abrirá tamén o proceso creativo ao público co obradoiro de animación en plastilina coa técnica stop motion Eu tamén animo! Realizaranse dúas sesións, o venres ás 18:00h e o sábado ás 11:00, ao final da que se presentará a peza confeccionada conxuntamente.
Porén Culturgal tamén está pensada para os cativos da casa polo que, entre outras cousas, contará coa actividade A Caixiña dos Mistos, unha sala de cinema itinerante dentro dunha caravana, con contidos audiovisuais á carta para público infantil e xuvenil, que estará toda a fin de semana aparcada no recinto feiral.
Asemade, para este público tamén haberá proxeccións de filmes de animación e un obradoiro de animación en plastilina coa técnica de stop motion.
A sorpresa desta edición virá da man do equipo de rodaxe de Rosario, que se achegarán o domingo ata o Pazo da Cultura de Pontevedra para contar aqueles elementos que fan que este proxecto se diferencie das demais películas que se realizan en Galicia na actualidade.
Presentaranse tamén no Culturgal os programas de televisión A lingua na sociedade e Lingua, cámara e acción, deseñados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para a divulgación da lingua na rede.
O programa pode consultarse ao detalle na web oficial do evento.

PUBLICIDADE