O galego Enrique Criado inaugura o primeiro episodio da web FX Guide en español

xoves, 10 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

FX Guide, a prestixiosa web anglosaxona sobre efectos visuais, vén de estrear canle en español, concretamente a través do primeiro dunha serie de episodios adaptados á devandita lingua sobre o máis salientable a nivel mundial da innovación tecnolóxica aplicada ao eido audiovisual. A estrea, de por si interesante para todas aquelas persoas ligadas ao fenómeno cinematográfico, ten un compoñente extra de pegada se temos en conta que o primeiro capítulo deste podcast xira arredor dunha entrevista ao galego Enrique Criado, supervisor estereoscópico e responsable, entre outras cousas, dunha boa parte dos traballos da exposición Galiciadixital, por exemplo a presentadora virtual Robita ou as proxeccións en 3D Amor, amores ou Destino Ancares.
Segundo informa a Secretaría Xeral de Medios, responsable de Galiciadixital, Criado achega na devandita entrevista todo tipo de claves e recursos sobre o cinema dixital en tres dimensións, dende a orixe dun proxecto destas características até o intre en que pasa a través do ollo do espectador.
Por certo que a canle española de FX Guide non rematará con estes contidos, posto que está previsto que continúe a través dunha serie de espazos audiovisuais encamiñados a seren presentados de xeito paralelo aos da versión inglesa, con temas propios e que non sexan simples traducións ou adaptacións dos espazos en inglés.
Volvendo á traxectoria de Criado, dicir que ocupa o posto de supervisor na empresa Enxebre Entertainment, compañía con centro de operacións na Coruña e que centra unha boa parte da súa actividade na achega de servizos estereoscópicos (3D) dentro do sector audiovisual, ofrecéndolles aos seus clientes servizos como asesoramento, produción de filmes, enxeñería e promoción. Criado e a devandita empresa galega, recentemente convidados a compartir a súa experiencia nos encontros que organizou en Australia (Sidney) a Society of Motion Pictures and Television Engineers, son responsables de propostas como O peixe falador, proxección para Galiciadixital que mestura imaxes reais de actores e fondos mariños co deseño informático do peixe que fala en 3D. Ademais, tamén é obra súa a devandita Destino Ancares, unha ambiciosa produción estereoscópica en tres dimensións, no que se reproduce un percorrido polos Ancares galegos presentado por unha das especies autóctonas do lugar; ou Robita, produción na que unha presentadora virtual explica brevemente, mediante o uso dunha pantalla especial 3-D, qué é Galicia Dixital, interactuando con varios dos contidos da exposición e convidándonos a percorrela.

PUBLICIDADE