O galego Suso Baleato achega un estudo que certifica a discriminación dixital dos grupos excluídos politicamente

xoves, 8 de setembro do 2016 Redacción

Este venres a revista Science, referencia mundial no ámbito da investigación e a innovación científicas, publica un traballo no que participou Suso Benítez-Baleato, membro do grupo de investigación de Análise Política adscrito ao Departamento de Ciencia Política da Universidade de Santiago. Segundo informa a USC, Benítez-Baleato foi o responsábel de desenvolver os indicadores estatísticos do estudo. Nel achéganse unha manchea de datos de valor sobre unha realidade de Internet que en moitas ocasións arrédase de nós e non somos quen de ver debaixo das súas supostas vantaxes democratizadoras, integradoras e alfabetizadoras. Falamos da discriminación dixital dos grupos politicamente excluídos. Un proceso que vai a máis e que ten raizames máis fondas do que se supuña.
Segundo engade a USC, o equipo de estudosos cos que traballou o investigador galego tirou proveito de estimacións de alta precisión sobre a penetración de Internet para demostrar que “os grupos politicamente marxinados presentan significativamente menores taxas de penetración en comparación con aqueles no poder”, “un efecto que non pode ser explicado unicamente por factores económicos ou xeográficos”, avisan.
A achega do investigador galego desenvolveuse no contexto dunha estadía na universidade alemá de Constanza baixo a dirección de Nils B. Weidmann, principal asinante do artigo. En colaboración co Departamento de Enxeñería Electrónica do recoñecido Instituto Federal de Tecnoloxía de Suíza (ETH Zúric), Benítez-Baleato desenvolveu un novo método baseado na análise do tráfico global de Internet.
Segundo explica o propio Benítez-Baleato, o novo método (presentado na Universidade de Nova York) “emprega un sistema de análise espacial que permite estimar a penetración de Internet practicamente en tempo real, mesmo en zonas de guerra ou baixo o control de réximes autocráticos”.
A este respecto, o investigador da USC engade que o método funciona como se fora un telescopio de gran precisión instalado nun satélite. “Isto permite esculcar a conectividade de calquera área do planeta aumentando a imaxe tanto como sexa necesario para calcular a penetración por países, provincias ou mesmo municipios, e observar a súa evolución por anos, meses ou mesmo por semanas”, explica.
En definitiva, o obxectivo do traballo foi probar se os grupos politicamente máis desfavorecidos son sistematicamente privados do acceso ás novas tecnoloxías polos seus gobernos. O estudo, ao fío do devandito, compara os efectos de distintos factores sobre a penetración de Internet, incluíndo o nivel económico e o grao de inclusión dos grupos nas institucións políticas. Para o cálculo destes indicadores os estudosos empregaron unha gran variedade de datos, incluída a emisión de luz nocturna rexistrada polos satélites da NASA.
Segundo informan os investigadores sobre a natureza e finalidade do seu traballo, “os nosos resultados poñen de manifesto a existencia de impedimentos á chamada tecnoloxía da liberación”, impedimentos dos que serían en boa medida responsábeis os gobernos. De feito, aclaran, na maioría dos países en desenvolvemento os gobernos “son o principal, se non o único, provedor dos servizos de telecomunicacións”.
O informe salienta polas implicacións dos datos que achega. Segundo explica o investigador da USC, “malia que Internet continúa tendo claramente o potencial de promover a mobilización para o cambio político, os gobernos poden impedir este efecto, o que debería levar aos estudosos dos efectos da comunicación tecnolóxica a reconsiderar as circunstancias nas que Internet pode realmente contribuír ao cambio político”.

PUBLICIDADE