O galego, entre as dez linguas que acadan o 100% de tradución no Ubuntu 14.10

martes, 4 de novembro do 2014 Redacción

Os seareiros galegos das versións alternativas aos sistemas operativos pechados están de celebración, posto que xa teñen ao seu dispor -e na nosa lingua- a nova versión da distribución GNU/Linux Ubuntu, a versión 14.10, con nome en clave Utopic Unicorn. Estamos perante unha remodelación de mantemento que terá un período de vixencia de nove meses (a partir deste mes) coa novidade -segundo informan dende a Oficina de Software Libre do consorcio interuniversitario CIXUG- de que esta nova versión estará de novo dispoñíbel 100% en galego, grazas á comunidade de tradución ao galego de Ubuntu.
Esta comunidade, na que segundo se pode ver na súa páxina web participan arestora 14 voluntarios, sitúa ao galego entre os únicos 10 idiomas do mundo que acadan o 100% de localización, por riba de linguas coma o chinés e xunto ao alemán, ao español ou ao portugués cunhas comunidades de usuarios e colaboradores moito máis numerosas. Cómpre lembrar que moito do traballo de tradución preciso para dispoñer de Ubuntu en galego é herdado dos proxectos orixe que integran este sistema operativo como por exemplo o escritorio Gnome, o navegador Firefox ou a suite ofimática LibreOffice, todos eles agrupados baixo o proxecto Trasno.
En canto a novidades, lembrar que é unha versión de mantemento, polo que están centradas sobre todo na área de compatibilidade con máis hardware, grazas á introdución do núcleo Linux 3.16 así como nas melloras notábeis no funcionamento de aplicativos web (especialmente aqueles que dependen da nube), ou servizos virtualizados no escritorio. Tamén trae a primeira versión da nova familia 4.3 da suite LibreOffice e unha das últimas versións, a 33 de Mozilla Firefox e versión 38 de Chromium. Toda a información e as ligazóns para descargar, instalar ou actualizar Ubuntu pode consultarse nas notas de publicación. Para unha descarga directa: releases.ubuntu.com/14.10/

PUBLICIDADE