O iPad 3G sairá nos EE.UU. o vindeiro día 30

martes, 20 de abril do 2010 Marcus Fernández

As datas de comercialización do iPad están a converterse en todo un culebrón, e tras a demora do lanzamento do iPad temos agora a confirmación de que o modelo do dispositivo de Apple con Wi-Fi e 3G remitirase aos usuarios que o reservaron o vindeiro día 30, cando tamén chegará ás tendas norteamericanas ás 5 da tarde. Deste xeito, adiantaríase á data de lanzamento rumoreada por múltiples medios en liña (que databan para o 10 de maio o lanzamento do iPad 3G).
Mentres os modelos de 16, 32 e 64 Gb do iPad con Wi-Fi están á venda por 499, 599 e 699 dólares, as versións con Wi-Fi + 3G venderanse a 629, 729 e 829 dólares respectivamente (ou sexa, que a incorporación de 3G supón un sobrecusto de 130 dólares), mentres que os prezos para España non serán públicos ata o 10 de maio, aínda que cómpre destacar que é de agardar que as operadoras (Movistar, Vodafone e Orange) subvencionen dalgún xeito o trebello de Apple na súa versión con 3G.

PUBLICIDADE