O iPad contribúe considerablemente aos ingresos trimestrais de Apple

mércores, 21 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Apple deu a coñecer os seus resultados económicos para o terceiro trimestre fiscal (que rematou o 26 de xuño) cuns ingresos record de 15.700 millóns de dólares e un beneficio neto trimestral de 3.250 millóns de dólares, o que traduciríase en 3,51 dólares por acción, o que supoñen unha mellora substancial fronte ao ano pasado, cando o os ingresos foron de 9.730 millóns de dólares e os beneficios quedaran en 2,01 dólares por acción.
Aínda que as vendas en ordenadores foron un 33% superiores ao ano pasado, os iPhone son os produtos que representan o 61% do crecemento en unidades vendidas con respecto do exercicio anterior. Os iPods , pola súa banda, están a caer en vendas (só un 8%) e o novo produto da tempada, o iPad, logrou colocar 3,27 millóns de unidades, polo que podería traducirse nuns ingresos de 2.000 millóns de dólares, que resultan especialmente benvidos por corresponder a unha liña de produtos inexistente con anterioridade.
No tocante a volume económico, o iPhone continúa a reinar cuns ingresos de 5.300 millóns de dólares, seguido dos equipos informáticos (3.000 millóns de dólares), os iPads (2.000 millóns de dólares) e os iPods (1.500 millóns), o que resulta rechamante polo feito de que os reprodutores multimedia, considerados como o elemento chave para a recuperación económica da compañía nos últimos anos, están a ceder terreo a novas liñas de produto que, pese a apoiarse na popularidade dos iPod, teñen vida de seu.
Sobre a entrada do iPad no mercado, existía certo temor a que puidese canibalizar a venda de MacBooks, pero polo momento non parece ser así, xa que os ordenadores de Apple continúan a mellorar en vendas, o que podería entenderse como que os iPad están a ocupar un espazo que anteriormente tiñan os ultraportátiles, sector no que Apple non xogaba, polo que esta nova aposta non xoga na súa contra.

PUBLICIDADE