O iPhone mellora as súas vendas e Windows Phone medra en Europa

luns, 28 de abril do 2014 Marcus Fernández

Kantar Worldpanel ComTech continúa a estudar a evolución do mercado dos smartphones a nivel mundial, e no seu balance do primeiro trimestre de 2014 amosa unha importante recuperación por parte de Apple, á vez que destaca como en Europa Android mantén a súa fortaleza (co 70,7% de cota de mercado), mentres que a compañía de Cupertino consegue manter a súa segunda posición (19,2%) cunha distancia máis que suficiente á plataforma de Microsoft (8,1%).
Dende Kantar destacan o éxito particular de Apple no Xapó, onde a compañía conseguiu facerse co 42% das vendas de smartphones de NTT DoCoMo, o 59% de KDDI AU e o 81% de Softbank, atribuíndose tal éxito ao deseño (no 30% dos casos), a conectividade 4G (29%) e a fiabilidade (24%). Estes bos resultados no mercado nipón contrastan co que acontece en China, onde as pantallas ten cativas como as do iPhone perden pulo, e o 40% dos smartphones vendidos en marzo teñen unha pantalla cun tamaño superior ás 5 polgadas, o que está a provocar un importante cambio nos hábitos de consumo (máis da quinta parte dos usuarios chineses de tabletófonos ven a televisión nos mesmos de xeito diario, e a metade algunha vez ao mes).
Volvendo a Europa, se analizamos os 5 principais mercados europeos (Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e España) temos que o crecemento interanual de Android está a estancarse (pasou do 69,2% aos 70,7%) como tamén acontécelle a Apple (pasou do 19,1% aos 19,2%) mentres que Windows Phone é a plataforma que máis medra (pasou do 6,5% so 8,1%) e BlackBerry avanza cara a súa desaparición (pasou do 2,6% ao 1,1%). Estes resultados radicalízanse no caso español, onde Windows Phone medrou do 1,3% ao 3% e curiosamente iOS recuperou tamén moito pulo (pasou do 3,1% ao 7,6%), mentres que BlackBerry desapareceu do mapa (do 0,2% ao 0,0%) mentres que Android non foi capaz de manter o pulo, e caeu do 93,7% ao 88,6%.
É difícil xustificar as distintas situacións de mercado nos países da Unión Europea, cunha penetración de Android como a español (que non parece ter igual a nivel mundial), a esaxerada presenza de iOS no Reino Unido (32,1%) ou coa boa aceptación de Windows Phone en Italia (co 13,9% do mercado), deixando claro que estamos nun sector que pode mudar radicalmente en moi pouco tempo.

PUBLICIDADE